Ata 240.000 euros investirá o Concello de Cuntis no proxecto de rehabilitación do antigo edificio de Correos e Telégrafos, que será acondicionado para ser sede da Fundación Terra Termarum.
A obra executarase en dúas anualidades e as empresas interesadas en acometer esta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 9 de agosto.
O proxecto, que será financiado a través do Plan Concellos da Deputación, busca recuperar un edificio emblemático para destinalo a un uso público e colectivo.
Contempla na planta baixa un espazo expositivo e un taller e no sótano estará o almacén e a primeira planta queda reservada para as oficinas, cunha superficie de 80 metros cadrados.
O espazo expositivo será diáfano e amplo e nel será posible contemplar as pezas de cerámica elaboradas a partir dos fragmentos achados no xacemento de Castrolandín.
De aí que o arquitecto artífice do proxecto instalara o taller nesta mesma zona, para facilitar que os visitantes poidan observar o traballo de restauración previo.
En total serán 270 metros cadrados reservados para Terra Termarum e a difusión do potencial arqueolóxico da contorna.
A reforma, que conserva a altura global do edificio, recolle unha modificación nun dos laterais para garantir unha mellor distribución interior na fachada situada no adro da igrexa parroquial e conta xa cun informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.
"Imos proceder ao vacionado interior do inmoble, construido a principios do século XX, para afrontar despois unha redistribución interior", avanzou o alcalde de Cuntis, Manuel Cuntis, que explicou que esta obra mellorará as condicións de traballo da Fundación Terra Termarum.