Ata 9,38 millóns de euros investirá o Goberno na rehabilitación do antigo edificio de Facenda na Praza da Ferrería. Será a nova sede do Arquivo Histórico Provincial. Así se confirmou a través do proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2021.
Por primeira vez, as contas públicas españolas inclúen esta demanda histórica da cidade de Pontevedra. En concreto, o executivo de Pedro Sánchez reservou 87.000 euros para avanzar na redacción do proxecto de rehabilitación do inmoble.
As obras, segundo as previsións do Goberno, poderían comezar en 2024, anualidade na que se investirían xa 1,53 millóns de euros.
Pola súa banda, a reforma do Nó de Bombeiros e o novo acceso norte á A-9 contará con 2,25 millóns de euros en 2021, cos que as obras comezarán xa o próximo ano.
O proxecto, que se elevará ata os 10,25 millóns, terá reservados 5 millóns para 2022 e outros 3 millóns para 2023, segundo reflicten os orzamentos xerais do Estado.
A A-57 levará o groso investidor en Pontevedra, con 20,91 millóns para seguir avanzando nas obras do primeiro tramo da A-57, entre Vilaboa e A Ermida.
Os outros dous tramos, A Ermida- Pilarteiros e Pilarteiros-Barro, só contan con partidas de 100.000 euros para continuar coas súas respectivas tramitacións ambientais.
Outros 2,10 millóns investirá o Goberno para pagar as obras de construción do itinerario peonil entre Pontevedra e Marín, traballos que xa están moi avanzados e que permitirá habilitar un paseo marítimo entre ambas as localidades.
OUTROS INVESTIMENTOS
Dentro dos plans investidores do Estado no ámbito territorial de Pontevedra, o executivo central inclúe 60.000 euros para o convenio coa Deputación para rehabilitar xacementos galaico-romanos da provincia, que contarán con case 3 millóns entre 2022 e 2024.
Pola súa banda, a remodelación da praza de abastos e a lonxa vella de Cambados, que custará 2,16 millóns de euros, atrasarase ata 2022 e as obras concluirán un ano despois.
REACCIÓNS
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou en Pontevedra que os orzamentos xerais do Estado para 2021 reforzarán o "compromiso con Galicia" do executivo central, ao incluír actuacións con proxectos "totalmente definidos".
Losada defendeu que estes orzamentos foron deseñados "pensando en, por y para las persoas" e contarán coa "mayor inversión social de la historia".
"Todas las medidas para Galicia que pueden ser ejecutables porque tienen los proyectos totalmente definidos estarán en los presupuestos", garantiu o delegado, que reiterou que o actual Goberno "ejecuta lo que se puede hacer".
Pola súa banda, desde o Partido Popular esixen que as contas públicas para 2021 aborden iniciativas "fundamentais e xustas" para a provincia como a chegada do AVE, o corredor ferroviario, a liberación da peaxe da AP-9, a reforma de estradas da rede nacional, a conexión dos portos ou o apoio ao sector industrial ou a automoción.
Os deputados María Ramallo, Diego Gago e Javier Bas avanzaron que presentarán emendas para cubrir as "necesidades básicas" dos pontevedreses, en función das reunións de traballo mantidas con sectores estratéxicos para a provincia.
"Queremos que non só teñan en conta as demandas sobre o papel, queremos que se executen, porque este Goberno tennos afeitos a falsas promesas que non son capaces de executar por unha falta absoluta de xestión", denuncian os populares.