De centro médico a vivendas sociais. É o cambio de uso que experimentará o antigo ambulatorio de Carballedo, un histórico inmoble que terá unha nova vida e acollerá catro destas vivendas, segundo avanzou este sábado o Concello de Cerdedo-Cotobade.
Será a través dun investimento de 374.000 euros, dos que 192.000 serán financiados cunha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo ao abeiro da liña de axudas do programa de rehabilitación de edificios de titularidade municipal.
O proxecto de rehabilitación está asinado por Manuel Antonio Silvares e, aclara o alcalde, está pendente de pechar novas vías de financiamento, para o que xa se solicitou axuda a través do Plan Concellos da Deputación, e do permiso de Patrimonio.
Actualmente este inmoble de 1920 apenas se usa como espazo municipal de almacenamento e o Concello quere convertelo en casas que se poñerán no mercado baixo o formato de alugueiro social co obxectivo de permitir o asentamento de familias con poucos recursos.
O edificio é de planta baixa con baixo cuberta, ten estrutura de catro augas e forma rectangular con acabados de pedra e enfoscado branco. Atópase nunha parcela pechada e dispón de accesos polas dúas fachadas, as escaleiras e un porche cuberto.
A obra fixa inicialmente a demolición dos elementos deteriorados e partes alleas á finalidade de proxecto, o reforzo da estrutura, a retirada de materiais e unha limpeza xeneralizada co propósito de favorecer a nova distribución para o seu uso residencial.
A continuación, emprenderanse os traballos de tabicaría, a creación de accesos individuais ás catro vivendas, a instalación de carpintaría exterior e interior, a dotación de servizos e sistemas de calefacción, os falsos teitos ou a renovación da cuberta.
Tamén se actuará sobre as chemineas de ventilación, a renovación de solos e alicatados, o subministro de loza sanitaria ou a instalación de antena de televisión.
A limpeza das fachadas, o acondicionamento dos muros e da xardinaría da parcela e o emprazamento de luminarias exteriores completará a actuación.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, confía en que esta actuación poida poñerse en marcha este mesmo ano e que se remate ao longo do 2021.
Deste xeito o próximo exercicio, o Concello poñerá no mercado unha ducia de vivendas sociais, xa que a estas catro haberá que engadir as oito antigas casas dos mestres de Cerdedo cuxa restauración vén de ser adxudicada pola Xunta.