O antigo centro médico de Carballedo converterase en catro vivendas sociais

Cerdedo-Cotobade
03 de xullo 2020

O proxecto promovido polo  Concello de Cerdedo - Cotobade conta cun orzamento superior aos 400.000 euros proporcionado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e a Deputación

Antigo centro médico de Carballedo que será reconvertido en vivendas
Antigo centro médico de Carballedo que será reconvertido en vivendas / Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo - Cotobade rehabilitará o antigo centro médico de Carballedo para convertelo en vivendas de aluguer social para familias con poucos recursos. Esta actuación permitirá crear catro vivendas neste inmoble construído no 1920 e que foi unha escola antes de funcionar como centro médico.

Cun investimento de 423.000 euros, procedentes do Instituto Galego de Vivenda e Solo e da Deputación, só falta o permiso de Patrimonio para iniciar a licitación do proxecto.

O edificio é de planta baixa con baixo cuberta e presenta unha estrutura catro augas e forma rectangular con acabados de pedra. Ten accesos polas fachadas dianteira e traseira, escaleiras e un soportal aberto.

Para habilitalo como vivenda está previsto demoler os elementos deteriorados e as partes alleas ao proxecto, así como reforzar a estrutura, retirar materiais e unha limpeza xeral.

Logo crearanse novos accesos ás catro vivendas, instalarase a carpintería exterior e interior, dotarase de servizos e sistemas de calefacción, falsos techosn ventilación e renovaranse os chans, o alicatado e instalarase unha nova antena de televisión. Ademais, prevese o acondicionamento dos muros e a xardinería e a limpeza da fachada.

"A estas catro vivendas de Carballedo engadiranse as oito antigas casas dos mestres de Cerdedo cuxa restauración vén de ser adxudicada pola Xunta e cuxas obras están a piques de iniciarse”, declarou satisfeito o alcalde, Jorge Cubela.