O antigo asilo de Loureiro Crespo, de residencia a vivenda para refuxiados?

Pontevedra
30 de setembro 2015

Tanto o goberno municipal como as entidades agrupadas ao redor da Rede Axuda téñeno claro. O mellor sitio para poder acoller aos refuxiados sirios que poidan chegar á cidade é o antigo asilo que a congregación relixiosa das Hermanitas dos Anciáns Desamparados tiña na rúa Loureiro Crespo. Así o manifestaron tras a reunión celebrada este mércores nas dependencias municipais da Casa Azul

Edificio onde se atopaba o Asilo de Anciáns en Loureiro Crespo
Edificio onde se atopaba o Asilo de Anciáns en Loureiro Crespo / Cristina Saiz

Tanto o goberno municipal como as entidades agrupadas ao redor da Rede Axuda téñeno claro. O mellor sitio para poder acoller aos refuxiados sirios que poidan chegar á cidade é o antigo asilo que a congregación relixiosa das Hermanitas dos Anciáns Desamparados tiña na rúa Loureiro Crespo. Así o manifestaron tras a reunión celebrada este mércores nas dependencias municipais da Casa Azul.

A decisión, adoptada por unanimidade, pretende dar solución a un dos problemas que habería que abordar ante a chegada dos refuxiados, o da vivenda.

Así, pedirase á orde das monxas poder usar "unha ou dúas plantas" do edificio, xunto coas zonas comúns, para albergar ás "20 ou 30" persoas que, segundo os cálculos municipais, poderían acoller na cidade cos recursos cos que se conta na actualidade. O Concello pagaría todos os gastos correntes, a manutención dos refuxiados e as reformas que haxa que realizar nas instalacións.

En todo caso, Carmen Fouces destacou que o inmoble se atopa en "moi bo estado" porque tras o peche da residencia as súas propietarias tiveron a "delicadeza" de mantelo en condicións óptimas. Ademais, ao atoparse no centro da cidade axudará, dixo a edil de Benestar Social, á inclusión social dos desprazados.

As entidades da Rede Axuda esperan unha resposta positiva da congregación relixiosa, pero en todo caso contan cun plan B, que sería solicitar á Deputación a cesión dalgunha vivenda na Cidade Infantil Príncipe Felipe.

Ademais, o programa que se deseñará desde a Rede Axuda incluirá, en materia de acción, un plan de tradución, de acompañamento persoal ou de escolarización que serán liderados por equipos profesionais e, en materia de colaboración cidadá, centralizarase no programa municipal de voluntariado e nas organizacións sociais da cidade. Tamén se admitirán ofertas para a cesión de pisos, pero non para que unha familia acolla aos refuxiados na súa casa.

Este programa estará ultimado no prazo dun mes "porque algo temos que facer", ante a parálise que Carmen Fouces aprecia na Xunta de Galicia. A concelleira lamentou que se apostou polo "minifundismo" e cada municipio se organice pola súa conta. Coincide así coas asociacións da Rede Axuda que, sinalan, que "non se están facendo as cousas como se debería" e deberíanse optimizar os recursos a partir dun organismo superior.

Arquivado en