Por sexto ano consecutivo, Pontevedra gaña poboación. Iso si, neste caso apenas tres habitantes máis. O ano da covid-19 deixou 84.830 persoas censadas no municipio, segundo os datos que figuran no padrón municipal ao 31 de decembro de 2020.
En concreto, en Pontevedra habitan 44.512 mulleres fronte aos 40.318 homes. De todos eles, case 65.000 -en concreto 64.978- residen na cidade. Son 69 máis que a finais de 2019.
Os outros 19.852 pontevedreses (o 23,40% do total de habitantes) teñen o seu domicilio fixado nalgunha das quince parroquias do rural.
Con respecto ao último ano, cinco parroquias lograron crecer en maior ou menor medida. Lourizán, que ten 3.029 veciños (+5), continúa sendo a parroquia máis poboada; mentres que Mourente, que suma 2.027 habitantes (+13), é a que máis crece.
Tamén aumenta a poboación en Lérez, que alcanza os 1.708 (+12), en Santa María de Xeve, que suma 807 (+8), e en Bora, que con sete veciños máis ten 729 habitantes.
Os maiores descensos, con todo, rexístranse en Tomeza (-20) con 964 residentes, Campañó (-19) con 1.859, Marcón (-17) con 2.026, Alba (-17) con 702, Verducido (-12) con 885, Ponte Sampaio (-6) con 1.050, Santo André de Xeve (-6) con 1.036 e Salcedo (-3) con 2.040
O censo, pola súa banda, mantense sen cambios en Cerponzóns (708) e na Canicouva (246).
Os datos do padrón reflicten ademais que se Pontevedra crece en poboación faio pola súa capacidade de atraer a persoas doutros municipios. Un ano máis, e xa van cinco, o crecemento vexetativo foi negativo, é dicir, houbo máis falecementos que nacementos.
Iso si, estes datos son provisionais xa que non están incluídos os nacementos e as defuncións que se produciron desde o pasado mes de outubro. Ata esa data, segundo os rexistros do padrón municipal, había 470 recentemente nados fronte a 480 falecementos.
A este respecto, o padrón reflicte que 18.105 persoas superan xa os 65 anos. Son o 21,34% do total do padrón municipal. Deles, 43 son centenarios (seis menos que en 2019).
Pola contra, os cidadáns máis novos de Pontevedra son os 2.989 nenos e nenas de 0 a 4 anos. Son 112 menos que a finais do ano anterior.
A eles súmanse os outros 10.726 pontevedreses que aínda non alcanzaron a maioría de idade. É dicir, hai 13.715 habitantes que teñen menos de 18 anos, un 16,16% do total.
Ata 14.006 persoas residentes en Pontevedra (un 16,51%) teñen entre 18 e 34 anos, mentres que entre 35 e 49 anos hai 20.604 pontevedreses (un 24,28%). Completan o censo municipal os 18.400 residentes na cidade que teñen entre 50 e 64 anos.
VENEZONALOS, PORTUGUESES E BRASILEIROS, OS MÁIS NUMEROSOS
E que pasa cos estranxeiros? Pois que alcanzan o seu máximo da última década. Hai censados en Pontevedra 4.562 persoas doutras nacionalidades, un 5,38% do total dos habitantes do municipio. Os residentes de nacionalidade española son, por tanto, 80.268.
A colonia estranxeira máis numerosa en Pontevedra volve ser, por segundo ano consecutivo, os orixinarios de Venezuela, que con 506 (cinco máis que en 2019) superan aos 477 portugueses (+11) e aos brasileiros, que crecen ata as 472 persoas (+14).
Séguenlles Marrocos (458), Colombia (423), Romanía (215), Italia (205), China (168), Senegal (150), Arxentina (122), Reino Unido (113), Perú (112) e República Dominicana (102).
Os naturais de Francia (82), Cuba (71), Alemaña (63), Estados Unidos (58), Ghana (58), Uruguai (55), Paraguai (55), Ecuador (44), Bangladesh (43), México (42), O Salvador (25), Chile (24), Nicaragua (24), Rusia (24) e Bulgaria (21) tamén superan a vintena de residentes.