O Concello de Pontevedra fixo entrega este venres dun cargamento de chalecos e material reflector ao departamento de Educación Física do IES Sánchez Cantón, que ten en marcha unha actividade pioneira consistente en saídas en bicicleta pola cidade para dar a coñecer a ordenanza de mobilidade amable recentemente aprobada polo goberno local e, ao mesmo tempo, ensinar aos estudantes para usar a bicicleta de forma responsable.
"Faise en segundo e terceiro da ESO. Serve para que aprendan como debe ser a circulación, facemos percorridos ata a Illa das Esculturas e as marismas de Alba. Vénlles moi ben e é moi reconfortante", sostén Maribel Gutiérrez, profesora de Educación Fïsica e impulsase desta nova iniciativa.
Ademais de explicar o código de circulación, a actividade serviu tamén para iniciar no mundo do ciclismo a moitos alumnos que non sabían montar en bicicleta. "Había moitos alumnos e alumnas que non tiñan formación suficiente, un total de 20 estudantes aprenderon a utilizar con esa actividade a bicicleta", confesa con satisfacción.
"Coñecen moi ben a ordenanza. Saben que polo centro histórico teñen que ir á velocidade dos peóns, que non poden ir montados en bicicleta polas beirarrúas, que deben baixarse para cruzar un paso de peóns. Todo iso explicámolo na unidade teórica e logo levámolo á práctica", explica Maribel, a dinámica dunha actividade na que participan uns 300 alumnos.
O encargado de entregar o material foi o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, quen quixo agradecer ao equipo de Maribel e a todo o profesorado "a campaña de formación que están facendo para explicar a ordenanza de mobilidade amábel que o Concello ten aprobado. Son pioneiros e valorámolo positivamente". destacou.