A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), visitou esta mañá, acompañada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, o IES de Poio, onde nestas datas se están a desenvolver unha serie de obradoiros que forman parte da programación ‘Poio planta cara á violencia’, organizada polo departamento municipal con motivo do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Lembrou Díaz que un dos piares do programa deste ano céntrase na mocidade, a través de actividades e sesións que se prolongarán, nalgúns casos, ata principios do vindeiro ano e que afondan nos valores relacionados coa igualdade entre homes e mulleres e a detección e supresión de condutas machistas, entre outros.
Unha das iniciativas levadas a cabo no instituto é un obradoiro sobre novas masculinidades, dirixido ás persoas que se identifican co xénero masculino de cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato. “Os obxectivos que se marcan a través desta actividade teñen que ver coa prevención da violencia de xénero e a discriminación, ao tempo que se promoven masculinidades libres e diversas”, indicou a tenente de alcalde durante a visita.
Dentro do programa #DesenRÉDate tamén se inclúe o ciclo sobre empoderamento feminino, orientado á persoas que se identifican co xénero feminino entre o estudantado de cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato. Traballar a autoestima, reflexionar dende unha perspectiva crítica o uso das redes sociais e poñer de manifesto os estereotipos de xénero no uso da linguaxe ou nas representacións mediáticas son algúns dos temas nos que traballa o alumnado.
Ademais, esta mañá o IES acolleu o stand ‘Agresións OFF: Eu digo non á violencia de xénero’, cedido pola Secretaría Xeral de Igualdade e a través do que se achega información sobre a violencia machista ao estudantado.
O programa do 25N vivirá un dos seus actos principais este venres, ás 12.00 horas, co acto institucional ás portas do Concello, no que se fará un pronunciamento público da corporación de Poio rexeitando todo tipo de violencia sobre as mulleres. Todos os grupos políticos municipais consensuaron unha moción conxunta que será aprobada polo Pleno na sesión ordinaria de novembro.
Recorda Silvia Díaz que está aberto o prazo para inscribirse na andaina ‘Paso a paso Libres de Violencia de Xénero’, que este domingo, día 27, con punto de encontro ás 10:30 horas, sairá do Bosque das Mulleres de Lourido para chegar sobre as 12.30 horas á Praza da Chousa de Combarro. Unha vez alí, as asociacións do Consello Municipal da Muller darán lectura ao manifesto conxunto, e proxectarase o vídeo cos traballos realizados polos colectivos nos obradoiros que tamén se impulsaron para o tecido asociativo dentro da campaña ‘Poio planta cara á violencia’. O acto pecharase coa actuación da artista Cora Velasco.
A concelleira de Igualdade recorda que a inscrición permanecerá aberta ata o venres 25 e que as primeiras 150 persoas anotadas recibirán un lote de material de sensibilización da campaña. No momento de realizar a inscrición tamén se pode solicitar praza no autobús que o Concello pon a disposición das persoas que tomen parte da andaina para retornar a Lourido unha vez finalizado o acto.