O alumnado do Frei Martín Sarmiento achégase á radio comunitaria e á realidade de El Salvador

Pontevedra
05 de abril 2014

Tres traballadores dunha emisora de radio comunitaria de El Salvador darán a coñecer o vindeiro luns no IES Frei Martín Sarmiento un proxecto de cooperación do que son beneficarios e que financia o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e executa a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso)

José Manuel Rodríguez e Yasmin Pineda son os responsables do programa ambiental de Radio Tehuacán
José Manuel Rodríguez e Yasmin Pineda son os responsables do programa ambiental de Radio Tehuacán

Tres traballadores dunha emisora de radio comunitaria de El Salvador darán a coñecer o vindeiro luns no IES Frei Martín Sarmiento un proxecto de cooperación do que son beneficarios e que financia o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e executa a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

A través desta iniciativa trabállase con alumnado da rexión salvadoreña do Bajo Lempa e cos comités de protección civil para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións nos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca. Os resultados das formacións e a capacidade de reacción da poboación amplifícanse a través de Radio Tehuacán.

Yasmin Pineda, directora da emisora; José Manuel Rodríguez, encargado de programación; e Iris Mijango, unha das voluntarias máis activas, estarán ás 12.00 horas con 120 estudantes de Terceiro e Cuarto curso de Secundaria no IES Frei Martín Sarmiento.

A comitiva de El Salvador achegaralle aos alumnos realidade centroamericana, concienciándoos sobre a importancia da participación comunitaria e de ter un discurso propio sobre as problemáticas que afectan á nosa contorna.

No marco do proxecto promovido por Agareso e o Fondo Galego (do que forma parte o Concello de Pontevedra), en colaboración coa ONGD local Cordes, estanse a desenvolver en El Salvador diversos obradoiros de sensibilización ambiental, que levan aparellada a entrega de materiais de prevención. Ao tempo, cada semana emítese en Radio Tehuacán o espazo ⿿En contacto coa natureza⿿ para concienciar sobre a necesidade de respectar o medio para evitar as graves consecuencias das catástrofes naturais que cada ano afectan a zona.