O alumnado de sexto curso de Primaria do colexio público de Ponte Sampaio acaba de lograr o segundo premio do Festival de Clipmetraxes convocado pola ONGD Mans Unidos a nivel galego para abordar co estudantado de toda a comunidade a problemática da emerxencia climática.
Segundo deu a coñecer o centro educativo, a peza 'Máis ca tres erres' logrou o segundo premio nun concurso no que os postos primeiro e terceiro foron para colexios de Lugo. En concreto, o clip gañador foi 'Nuestro mundo', do colexio Plurilingüe PP Franciscanos e o terceiro clasificado, 'Decide dejar una buena huella', do CEIP As Gándaras.
O alumnado de sexto de Ponte Sampaio participa neste certame todos os anos, se ben é esta a primeira ocasión na que acada o segundo premio.
O premio xa se coñece desde hai días e aínda non puido entregarse por mor da emerxencia sanitaria do coronavirus. Así, a entrega estaba programada para realizarse en Santiago o venres día 6 de marzo e adiouse porque se suspenderon todos os actos con moita presenza de público. A continuación, volveuse fixar a entrega nun acto máis íntimo no propio centro para o 13 de marzo e tivo que volver adiarse, pois nesa data xa se suspendera toda a actividade educativa en Galicia.
Mans Unidas realizará a entrega presencial do premio unha vez que se retome a práctica educativa presencial. Mentres chega ese día, pode verse aquí a peza audiovisual gañadora.
O Festival de Clipmetraxes é unha actividade que fomenta o traballo en equipo e é unha maneira divertida e participativa de implicarse nun problema global. Nesta edición sensibilizou ao alumnado sobre o cambio climático e as súas consecuencias nas zonas máis pobres do planeta e animou aos centros educativos a gravar unha peza dun minuto mostrando o seu punto de vista sobre a temática.