A Consellería de Educación vén de manter este luns unha reunión co equipo directivo e as anpas do Instituto IES Valle-Inclán, co obxectivo de presentarlles o plan de traballo da obra de rehabilitación integral neste centro.
O plan de traballo responde a dous obxectivos básicos que son que interfira o menos posible na actividade lectiva e que se leve a cabo coa total seguridade para os usuarios do centro. Nesta liña, o plan inclúe separacións biosanitarias, que son as que se empregan nas obras que se realizan nos hospitais para compaxinar as melloras nas infraestruturas coa atención hospitalaria.
O plan de obra inclúe cinco fases sectorializadas. Isto é, cada unha delas está pensada para actuar sobre unha zona concreta do centro.
Este mesmo mes, coincidindo co remate das clases, comezarase xa coa primeira das cinco fases previstas (a fase A), que se alargará ata setembro, co obxectivo de aproveitar a tempada sen clases. Durante este tempo, as obras centraranse na renovación dos aseos de todas as plantas e as súas afectacións nos distintos corredores.
Unha vez concluída esta primeira fase, os traballos desprázanse ás aulas, polo que é necesario abordar unha reorganización física e horaria do centro a partir do próximo curso, que estreará horario unicamente de mañá para que a empresa poida executar os traballos máis ruidosos durante as tardes.
Canto a organización de espazos, os 16 grupos de ESO manteranse no edificio do instituto durante toda todas as obras.
No caso dos dez grupos de Bacharelato, os alumnos iniciarán o curso en setembro nas súas aulas no interior. Non obstante, unha vez que as obras vaian avanzando, prevese que a mediados de outubro se trasladen a aulas móbiles que se instalarán na fachada principal do Valle-Inclán (rúa Montero Ríos), unha vez celebrado o Mundial de Triatlón.
A Xunta asegura que se trata dun tipo de aulas totalmente equipadas tanto desde o punto de vista do confort e da climatización como de servizos (conexión a internet, pizarras dixitais...) que cunha aula ordinaria. De feito, a utilización destas aulas móbiles provisionais é habitual en caso de obras deste tipo que esixen da habilitación de novos espazos para asegurar a docencia.
Non obstante, este alumnado seguirá usando os servizos comúns (laboratorio, aseos, etc) do centro, como ata o de agora.
Por outra parte, os alumnos matriculados na Escola Oficial de Idiomas e no réxime de Adultos neste centro trasladaranse xa, desde inicio de curso, ao Instituto IES Sánchez Cantón, onde manterán o seu grupo de clase, horario e profesorado que teñen no Valle-Inclán.
Na xuntanza de hoxe tamén se acordou crear unha comisión de seguimento entre representantes da Consellería, do centro e das familias, con reunións periódicas, para avaliar o seu desenvolvemento abordar calquera cuestión que poida xurdir ao longo do tempo que duren as obras.
Así mesmo, a Xunta aproveitou para agradecer a colaboración do Concello de Pontevedra con este proxecto. Os técnicos da Consellería estarán en permanente contacto cos técnicos municipais para analizar todas as cuestións vinculadas ás aulas móbiles, así como de resto de detalles relacionados coa intervención.
Na xuntanza, á que asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; o xefe territorial de Pontevedra, César Pérez; o subdirector xeral de Construcións e Equipamento, Rafael Bouzas, e profesionais da unidade técnica e da empresa adxudicataria que levará a cabo a rehabilitación, detalláronse todos os pasos da obra así como as medidas organizativas que se implementarán, sobre todo a partir do inicio do curso o vindeiro setembro.
Unha obra que, segundo explicou o secretario xeral técnico, "é equiparable a construción dun novo colexio", con 4,7 millóns de euros de orzamento para a actuación no cen por cen do edificio. Tamén se referiu á “gran envergadura loxística” dos traballos nun edificio no que conviven diariamente "arredor de 1.000 persoas que conforman a comunidade educativa entre alumnos, profesores e persoal".