Carmen Pomar, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional inauguraba este mércores no Recinto Feiral de Pontevedra esta novena edición de Edugal, o Salón de Oferta de Educación de Galicia, que organiza AEMPE (Asociación de mediana e pequena empresa de Pontevedra). Durante tres días, alumnado de 600 centros educativos da comunidade visitarán os 56 expositores nos que se ofrecen diferentes opcións para a formación co punto de vista posto no mercado laboral.
José María Corujo, presidente de AEMPE, abría o acto sinalando que os escolares actuais serán empresarios ou traballadores nun futuro distinto ao actual e de aí a necesidade de que coñezan as ferramentas novas. "A sociedade está en Fórmula 1. Hai que estar formado", indicou. Neste sentido destacou a presenza de dúas casetas institucionais, a estatal do SEPE e a da Dirección Xeral de Emprego da Xunta.
Ernesto Pedrosa Silva, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, indicou que existen 83 universidades activas no Estado e máis de 8.000 titulacións en 349 campus universitarios e, con todo, existen empresas que atopan dificultades para obter persoal que ocupe postos cualificados. Por iso destacou a importancia de coñecer as ofertas de cara ao futuro profesional.
Pola súa banda, o deputado Santos Héctor destacou a presenza da Escola de Cantería neste Salón e os proxectos que se desenvolven desde a Deputación para fomentar a inserción laboral indicando que as súas propostas están representadas neste evento referente para toda Galicia e que, neste caso, vén marcado pola inclusión e a sustentabilidade.
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e de Universidade, destacou a presenza nesta edición das Escolas da Unesco e da Federación Galega de Fútbol. A representante municipal, que acudiu acompañada polo tenente de alcalde Tino Fernández, destacou que desde o goberno local continuarán apoiando a Edugal e a educación universal e de calidade.
Por último, a conselleira de Educación Carmen Pomar inauguraba o acto despois de manter un encontro con estudantes moi novos e afirmaba que a formación ao longo da vida é algo irrenunciable para sinalar que hai tres bases fundamentais na formación das persoas: a familia, os docentes e as empresas.
Despois, as autoridades realizaron un longo percorrido parándose en cada un dos postos de exposición instalados no Recinto Feiral no que figuran mostras educativas que van desde centros de Formación Profesional a universidades, pasando por centros de ensino, fundacións e empresas colaboradoras de FP Dual. A entrada a Edugal é libre.