O alugueiro, a compravenda ou as vivendas turísticas na zona urbana de Pontevedra, a estudo

Pontevedra
22 de xuño 2024

O Concello de Pontevedra pretende encargar un estudo sobre a situación real da vivenda na cidade, segundo detallou o edil de Urbanismo, Alberto Oubiña

Vista aérea do casco urbano de Pontevedra
Vista aérea do casco urbano de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra quere coñecer o estado "real" no que se atopa a vivenda na cidade, e por iso prepara as bases para contratar un estudo pormenorizado.

"Con estas bases queremos obter unha panorámica do estado da vivenda na cidade. Imos analizar una serie de parámetros que ata o de agora non se analizaran", explicou o edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, tras poñer en coñecemento dos integrantes da Comisión de Urbanismo municipal a temática que se analizará no estudo.

Oubiña lembrou que as competiencias do Concello sobre a vivenda "son bastante limitadas", pero este traballo permitirá "poñer enriba da mesa moitos datos para seguir avanzando".

En concreto o goberno local pretende coñecer como está a situación actual do mercado de alugueiro e de compra-venda de vivendas, cal é o número de vivendas baleiras ou segundas residencias, todo iso distribuído por zonas, prezos ou tamaño e realizando un estudo comparativo con outras localidades da comarca e cidades.

As vivendas turísticas serán outro dos obxectos do estudo para coñecer mellor o seu número número, distribución por zonas, tempo medio de alugueiro ou a súa afectación sobre a demanda de vivendas na cidade, particularmente no Centro histórico. Para iso cruzaranse os datos dos arquivos municipais, o rexistro autonómico da Xunta de Galicia e as plataformas de alugueiro.

Ademais o Concello quere saber se existe a necesidade de declarar algún lugar como 'zona de mercado tensionado' e o número de vivendas susceptibles de construción no marco do actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e dun hipotético novo PXOM, así como analizar a posible extensión das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) a zonas como A Moureira e Estribela.