O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sementou dúbidas sobre a organización do Entroido por parte do Concello. "Non vou garantir ao 100% que se vaia a facer o Entroido", dixo este xoves nunha comparecencia.
"Estamos a traballar a programación do Entroido, a única dificultade que temos é a consignación orzamentaria para facelo", sinalou.
As festas do Entroido celébranse a segunda semana de febreiro pero a falta de orzamento deixou á programación municipal deste ano sen partidas específicas. En anteriores edicións o Concello destinou uns 150.000 euros á organización desta festa popular.
"Imos tentar resolver de modo excepcional, sempre de modo excepcional, as cuestións que consideremos prioritarias, imprescindibles. Entre elas o Entroido", dixo este xoves o alcalde nunha comparecencia ante os medios de comunicación.
O de Pontevedra, segundo Lores, "é o Entroido urbano máis importante de Galicia, xera moita actividade económica ao redor e por tanto para nós iso é unha prioridade", recalcou. "É un tema moi complexo desde o punto de vista administrativo, pero tentaremos facelo".
O alcalde achacou esta situación á "parálise" que existe no Concello tras o rexeitamento de Partido Popular e PSOE ao proxecto de orzamentos para este ano 2024. Este "bloqueo" durará ata mediados de marzo, se non hai unha moción de censura.
Se a oposición non presenta unha candidatura alternativa á Alcaldía antes do 8 de febreiro a partir dese día iniciarase a exposición pública das contas deseñadas polo goberno local, resolveranse as alegacións e finalmente entrará en vigor.
Segundo a explicación reiterada polo alcalde, o servizo de Intervención do Concello ten a "necesidade de reter diñeiro para cuestións fundamentais" como o cumprimento dos contratos en execución ou o pago dos gastos de persoal. As partidas que existen no orzamento prorrogado son insuficientes para cubrir esa necesidade económica polo que se fai necesaria esa retención doutras cantidades.
O alcalde citou como exemplo a reforma do edificio histórico da casa consistorial que "estaba previsto que se rematase agora en xaneiro" pero "hai un reformado que non se puido tramitar" e que ten que ser abonado con cargo ao orzamento deste ano.
Como non hai unha partida consignada, esta situación "obriga" a atrasar a posta en funcionamento desta sede institucional porque "nós non consideramos que iso sexa un asunto prioritario". Este asunto quedará "paralizado" ata que se poida tramitar o reformado.
Este modificado da casa consistorial son 270.087,92 euros, que se destinarían ao reforzo estrutural e para dotar de cámara de illamento ás paredes da primeira planta.
"Non é que o Concello non teña cartos", matizou Lores, "non os podemos utilizar por falta dun orzamento actualizado do 2024. Nada máis".