O alcalde responsabiliza a Xunta das expropiacións da vía perimetral de Montecelo

Pontevedra
13 de outubro 2023

Lembra a Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, que a Xunta "meteu a pata ao non facerlle caso ao Concello" e acusa o representante popular de xogar a despistar botando a culpa ao goberno local. "O Concello está dando todas as facilidades do mundo para a construción do novo hospital de Montecelo", especificou Lores

Rueda e Lores nunha visita ás obras do Hospital Gran Montecelo
Rueda e Lores nunha visita ás obras do Hospital Gran Montecelo / Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, manifestou este venres que o plan sectorial que habilita as expropiacións para executar a vía perimetral do novo Hospital Montecelo son responsabilidade da Xunta de Galicia, administración encargada de redactar o proxecto.

O rexedor da capital sinalou que o goberno local xa alertara á administración autonómica sobre as expropiacións proxectadas ao entender que eran insuficientes para garantir o acceso ás propiedades da veciñanza.

Acusou aRafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, de xogar "ao despiste" culpando o Concello dunha acción na que a Xunta "meteu a pata" lembrando que o goberno municipal non foi quen decidiu onde se localizaba o Gran Montecelo, nin onde se creaban os aparcamentos nin tampouco o proxecto sectorial de infraestruturas; un proxecto que foi sometido a exposición pública e que agora provoca o malestar veciñal.

"Nós pasamos no seu día documentación que recomendaba facer unha exposición máis ampla da feita, fixémoslles notar que era imposible facer un vial de servizo ao carón do vial de circulación e negáronse, de xeito reiterado, a modificar esas expropiacións", advertiu Lores na súa explicación sobre o proxecto. 

O alcalde afirmou que o Concello de Pontevedra "está disposto coma sempre a facer o que se considera convinte, pero nós non temos ningún título habilitante para expropiar nada máis que o que a Xunta expropiou" e insistiu en que "o Concello está dando todas as facilidades do mundo para a construción do novo hospital de Montecelo", ante as críticas do PP.

Criticou que non apareza reflectido en sitio algún da cartelería do novo hospital o convenio asinado entre o Concello e a Xunta para poñer en marcha esta actuación nos terreos de Mourente.