- O alcalde pode destruír Pontevedra se quere?
- O alcalde é unha persoa que traballa en equipo. Se se lle ocorre tal cousa, hai persoas ao redor que llo sacan da cabeza.
- Donald Trump si que pode. Pode prestarlle un par de bombas.
A conversación é real e produciuse este martes nunha sala do Concello de Pontevedra entre o alumnado do colexio San José e a concelleira Anxos Riveiro. Con motivo dunha visita de 22 escolares deste centro educativo ás dependencias municipais, a edil preguntoulles cales serían as súas peticións para mellorar Pontevedra e tamén quixo saber as súas suxestións. No medio do debate, xurdiu en varias ocasións unha figura a priori con pouca relación coa cidade, o presidente de Estados Unidos, Donald Trump. Esta foi unha delas.
O alumnado, de cuarto curso de Primaria, mostrouse moi participativo e receptivo coas explicacións de Anxos Riveiro, que se mostrou moi didácitca e próxima e tivo que responde a preguntas como: "Entón, que se fai no Concello?". Aclaroulles dúbidas sobre as funcións dos dirixentes locais e o traballo do Concello que posteriormente tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man cun circuíto polo edificio da rúa Michelena.
Os visitantes, de nove anos, fixéronlle peticións en grao sumo variadas, desde "luces de Nadal como as de Vigo" a "beirarrúas máis anchas", "máis xardíns e menos aparcadoiros", "máis aparcadoiros para cando vou á outra punta da cidade", "que se poida adoptar nenos cando tes máis anos", "que o supermercado sexa gratis" ou "unha montaña rusa por toda cidade". Cada un tiña unha visión de Pontevedra e circunstancias cotiás diferentes, como se demostra no seguinte intercambio de pareceres entre escolares:
- Quero que haxa menos atascos.
- Iso non é posible.
- Iso non é algo do concello, é algo das pesonas que van nos coches.
A pesar da discrepancia de pareceres, todos coincidiron na necesidade de que se garanta a accesibilidade a todos os cidadáns e houbo unha petición que logrou o respaldo e espertou os aplausos de todos eles: "Que dean salarios aos nenos igual que lles dan aos adultos".