O alcalde pide a Rueda que aclare a postura da Xunta sobre a liberación dos terreos que ocupa na Xunqueira da Gándara

Pontevedra
05 de xullo 2023

É a resposta a outra carta remitida desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, asinada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez Iglesias, na que reitera a súa disposición a trasladar esas instalacións de conservación de estradas "cando teña unha proposta municipal con terreo e financiamento, tal e como lle corresponde como ente promotor da actuación"

Reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
Reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda na que solicita "aclaracións" sobre postura da administración autonómica sobre a liberación dos terreos que ocupa na Xunqueira da Gándara.

Esta misiva enviada polo alcalde é a resposta a outra carta remitida desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, asinada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez Iglesias, na que reitera a súa disposición a trasladar esas instalacións de conservación de estradas "cando teña unha proposta municipal con terreo e financiamento, tal e como lle corresponde como ente promotor da actuación".

Lores compareceu en rolda de prensa este mércores para "manifestar a nosa estrañeza" por esta reacción do Goberno galego, xa que "na reunión que mantiven co presidente da Xunta o pasado outubro falamos sobre a recuperación dos espazos situados en dominio público marítimo-terrestre na Xunqueira da Gándara e manifestamos o desexo do Concello de recuperar eses terreos, chegando a un acordo do que o presidente Rueda deu conta aos medios de comunicación".

O acordo falado naquela xornada procuraba a liberación como unha medida "necesaria e positiva", medida na que ambas as dúas administracións, local e autonómica, colaborarían para acadala.

Os talleres e a base dos bombeiros forestais trasladaríanse a Botos (Lalín) e ao Polígono do Campiño coa colaboración do Concello de Pontevedra para regularizar a situación desta última parcela, un compromiso xa cumprido.

Segundo informou o alcalde, para o traslado das instalacións de conservación de estradas da Axencia Galega de Infraestruturas, a petición por parte da Xunta foi a disposición de terreos para a nova ubicación, concretándose as condicións por parte do delegado territorial, Luís López, en canto a superficie e servizos, téndose ofrecido terreos no Polígono de Barro "que cumprían sobradamente tales condicións", sen obter resposta polo de agora.

Lores asegurou que "con estes antecedentes estaba persoalmente convencido de que os traslados, tanto da base de bombeiros como das instalacións da AXI, eran cuestión de tempo e de cumprimentar os trámites necesarios". 

O pasado mes de abril o alcalde enviou un escrito "que estaba dirixido a todos os ocupantes do dominio público marítimo terrestre en xeral, pero a miña preocupación real eran os organismos do Estado que ían máis atrasados nos trámites", indica o alcalde na carta remitida. 

"Para a miña sorpresa, recibín o 3 de xullo unha carta do Sr. Menéndez, Director da AXI, datada o 29 de xuño, que constitúe unha completa emenda á totalidade sobre o acordado na nosa reunión, así como dos trámites xa realizados", afirma Lores na carta enviada a Alfonso Rueda.

Lores explica que na carta recibida no Concello de Pontevedra "afirma con rotundidade que a liberación do dominio público marítimo terrestre da Xunqueira da Gándara non é de interese da Xunta, que é de interese exclusivísimo do concello de Pontevedra, en contra do afirmado polo Presidente na entrevista citada".

"Agora, ademais de pedir uns terreos alternativos que se lle ofreceron, tamén pide que corramos cos gastos do traslado. Só podemos entender que o que hai aquí é unha manifestación clara de que a Xunta non quere facelo e utilizan un argumento de pata de banco para dicir que non queren facelo", explicou na comparecencia o rexedor, que agarda ter unha pronta aclaración sobre este "estraño episodio" e que "poidamos seguir colaborando para levar a bo porto os asuntos que acordamos naquela reunión".