O alcalde Lores pide apoio ao presidente Sánchez para "liberar" á ría de Ence

Pontevedra
30 de xaneiro 2020

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez na que o empraza a falar dunha serie de compromisos coa cidade e solicitar o seu apoio para "liberar" á ría de Ence

Fábrica de ENCE en Lourizán
Fábrica de ENCE en Lourizán / PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez na que o empraza a falar dunha serie de compromisos coa cidade e solicitar o seu apoio para "liberar" á ría de Ence.

Ademais de trasladar ao presidente as súas "sinceiras felicitacións" polo seu recente nomeamento, un recoñecemento que fai extensivo en nome do goberno municipal pontevedrés, Fernández Lores aconsella desde a súa experiencia ao presidente español que "é necesario buscar acordos que beneficien o interese xeral" e para iso entende que "a lealdade institucional é capital" situando ao goberno da Boa Vila como un "aliado".

Fernández Lores empraza ao presidente Sánchez a abordar algúns compromisos que afectan á cidade do Lérez e que entende "que non se deben demorar máis" como a axilización das obras da A-57 en Pontevedra ou a reforma do nó de Bombeiros.

Outro dos asuntos que ao alcalde lle gustaría abordar é a recuperación do edificio de Facenda na Praza da Ferrería ou a colaboración financeira do Estado na ampliación do Museo.

Por último, "e non menos importante" o alcalde lembra ao presidente do Goberno o posicionamento do Concello sobre o enclave da fábrica de Ence en Lourizán e a recuperación dos terreos que ocupa.

"Non cederemos neste empeño, polo que solicitamos o seu apoio político nesta loita realizando todas as modificacións que fosen precisas para garantir a liberación destes terreos costeiros, paso fundamental para a rexeneración da ría de Pontevedra", di Lores.

Finalmente Fernández Lores agradece o "agarimo" co que na última etapa tratou á cidade, coas recentes invitacións ao Cume do Clima e o interese da Dirección Xeral de Tráfico para perfilar o próximo regulamento de circulación.

Na súa despedida o alcalde convida a Sánchez a visitar a Boa Vila porque "estariamos encantados de recibilo en canto a súa axenda o permita".