O alcalde interésase por conectar os xardíns de Santa Clara con Barcelos pero afirma que o acordo coas clarisas "vai lento"

Pontevedra
17 de xullo 2020

Este venres, dentro dos actos da Semana do Patrimonio Invisible, realizábase a visita ao Convento de Santa Clara, na que o alcalde e o concelleiro de Patrimonio Histórico conversaron sobre a posibilidade de abrir o muro de 8 metros de altura que rodea a horta das clarisas para habilitar un acceso aos cidadáns desde a praza de Barcelos

Visita á horta de froiteiras do Convento de Santa Clara
Visita á horta de froiteiras do Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

Este venres, dentro dos actos da Semana do Patrimonio Invisible, realizábase a visita ao Convento de Santa Clara que xa hai días esgotou as súas prazas, como informabamos en Pontevedra Viva.

Este interese dos pontevedreses motivou que lle preguntásemos ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre o punto no que se atopan as negociacións coas monxas clarisas para que o convento e os xardíns coa súa horta e bosque, poidan abrirse ao público. "Estamos a falar dun espazo de 12.000 metros cadrados no centro da cidade que é moi apetecible", manifestaba o alcalde.

O rexedor da capital insistía en que o importante é que se poida realizar esta visita, un primeiro paso para abrir aos pontevedreses este espazo, e lembraba que, máis aló dos desexos do Concello de Pontevedra, trátase dun conxunto patrimonial que é de propiedade privada.

"A nós gustaríanos que este patrimonio non se perdera, que se conservara, e se pode ter uso público ou ser permeable aos cidadáns, moitísimo mellor, pero este é un tema no que estamos nas fases iniciais e non sabemos exactamente en que vai quedar", apuntaba o alcalde e engadía que unha solución provisional pasaría por "facer un convenio de uso dos espazos exteriores a cambio de facer un mantemento ata que non haxa un acordo definitivo de venta por parte das clarisas".

En todo caso, as negociacións atópanse paradas por diferentes motivos, como indicaba Miguel Anxo Fernández Lores: "vai lento isto porque creo que xa foi hai dous anos que estiven en Santiago, entre que te chaman e non te chaman, un avogado e outro, que foi varias veces, vai lento".

Sobre o uso que se lle podería dar ao Convento e a súa contorna, nin o alcalde nin o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, se posicionaron. Pero foi significativo o interese de ámbolos dous cando na visita guiada chegabamos aos xardíns xunto ao muro limítrofe coa praza de Barcelos. O guía comentaba que o xardín das clarisas atopábase varios metros por baixo da praza de Barcelos, de tal modo que o muro se eleva 8 metros cara ao espazo das clarisas e 6 na súa parte exterior. Neste punto, o alcalde e o concelleiro, que tamén é arquitecto, conversaron sobre a posibilidade de habilitar unha conexión coa praza de Barcelos e que obstáculos habería que sortear.

Outra anécdota producíase cando o guía Leo González, da empresa santiaguesa de xestión cultural Trivium, a encargada destas visitas, aludía ao silencio que reinaba en todo o exterior do Convento, algo que atribuía aos altos muros, como pantalla auditiva fronte ao tráfico rodado. O alcalde cabeceaba entre risas en clara alusión a que algo ten que ver a peonalización da cidade e a limitación da velocidade no centro urbano con esta circunstancia.

O Convento de Santa Clara permanece pechado ao público desde o 25 de setembro de 2017. As monxas de clausura abandonaban este espazo para trasladarse a Santiago. Excepcionalmente, este venres acudiron ao convento pontevedrés para abrir as portas á visita organizada, pero sen ser vistas, xa que manteñen a súa condición de clausura.

Esta fin de semana, Pontevedra Viva ofrecerá un percorrido detallado por gran parte do recinto e a contorna de Santa Clara, cheo de anécdotas e onde os pontevedreses poderán descubrir espazos tan significativos como os amplos xardíns, o bosque de froiteiras, a maxestosidade dos seus muros ou as curiosidades do claustro, onde se atopa unha fonte similar á da Ferrería.