O alcalde de Vilaboa supervisa as obras do centro social do Picho, unha das prioridades do Concello

Vilaboa
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Se a execución continúa a este ritmo espérase que o Concello reciba a obra antes de que comece o verán, aínda que dita recepción non conleve a inmediata apertura do centro

Futuro centro social e de maiores de O Picho
Futuro centro social e de maiores de O Picho / Concello de Vilaboa

O alcalde de Vilaboa, César Poza, realizou unha visita ás obras do futuro centro de atención a maiores do Picho, cuxa posta en marcha é unha das prioridades deste goberno local.

Se a execución continúa a este ritmo espérase que o Concello reciba a obra antes de que comece o verán, aínda que dita recepción non conleve a inmediata apertura do centro. 

O proxecto supón unha reforma estrutural importante e ao tempo un acondicionamento do inmoble e do recinto exterior con xardíns e zona de esparexemento.

O edificio principal supera os 863 metros cadrados e conta cunha edificación auxiliar. O recinto acolleu unha escola unitaria, as oficinas da escola taller e posteriormente quedou en desuso.

Con tal motivo o Concello de Vilaboa estivo a traballar para transformar este lugar nun centro de atención e actividades para persoas maiores, un servizo que demanda a cidadanía do municipio dado o envellecemento da poboación polo que Poza sinalaba que "somos conscientes que é unha infraestrutura básica en Vilaboa e que están a esperar moitas familias que precisan alternativas para os coidados dos seus maiores".