Este domingo, o alcalde de Vilaboa, César Poza, aproveitou o momento da entrega de diplomas aos establecementos gañadores do Concurso de Catas da Festa do Mar de Vilaboa para agradecer a implicación do conxunto da cidadanía cun evento "xa consolidado" e que busca "poñer en valor tanto o produto da ría como o traballo da Confraría, de mariscadoras, mariñeiros e bateeiras".
Representantes destes sectores formaron o xurado que determinou os premios nesta edición e fixeron entrega dos diplomas a cada entidade gañadora.
Tanto César Poza como Carmen Gallego, concelleira de Dinamización Económica, destacaron que o "excelente respaldo do público a esta festa", nunha edición na que se duplicou a capacidade da carpa e os restaurantes participantes triplicaron a cantidade de produto solicitado á confraría en previsión dunha afluencia superior á da pasada edición.
"A falta das cifras finais que nos permitan facer balance, sabemos que a xente se vai moi satisfeita e ata sorprendida tanto polo sabor dalgunhas tapas como polo resultado da mestura de sabores", apunta Carmen Gallego, convencida de que esta Festa é "moi necesaria; o sector necesitábaa e demandabaa e agora comprobamos que a cidadanía tamén".
César Poza agradeceu tamén o compromiso tanto con esta Festa como con outros eventos organizados polo Concello de Vilaboa dos artesáns locais, representados na carpa por Cachiboreta, o obradoiro orfebre Hedra de Pilar Blanco e Errre3, con artigos de impresión dixital. "Deixades moi alto o pavillón local e demostrades cada día o potencial creativo de Vilaboa", engadiu.
A patrona maior da Confraría de Vilaboa Maricarmen Cortegoso Gómez, Mari González Piñeiro e María José Castro Gómez foron as encargadas de entregar os diplomas na categoría de Mellor Sabor ás tapas do restaurante A Garboa; á Mellor Presentación á tapa de mexillóns en escabeche de A casa de Rosa de Mazaroca e o premio á Innnovación á panadería e pastelería Os Laranxos pola súa empanada de mexillóns con chourizo.
A actuación de Os Bregadiers puxo a nota musical á xornada.