O Concello de Sanxenxo manexa o seu propio plan para seguir axudando á economía local a superar, primeiro o confinamento, e agora a desescalada. Os prazos do Goberno de España para o turismo obrigará a sumar ás oito semanas de peche total, a limitación de aforos que van do 30 ao 50% segundo as fases. Unhas limitacións que redundarán na redución da viabilidade económica dun sector golpeado de forma especial nesta crise, explican desde o executivo que dirixe Telmo Martín.
Ante este panorama, o alcalde expuxo este mércores á presidenta da Deputación, Carmela Silva, a posibilidade de que se habilite un plan de axudas excepcional para todos os concellos turísticos da provincia similar ao Plan Concellos. Trataríase dunha medida extraordinaria para impulsar un sector estratéxico do que só en Sanxenxo viven máis de 3.000 familias.
"Sempre fun un gran defensor do Plan Concellos e creo que sería positivo optar por esta mesma fórmula para inxectar liquidez ao sector turístico ou crear unha partida especial no plan para amortecer as graves perdas que está a sufrir un sector crave para nosa economía", expuxo Martín.
O goberno local de Sanxenxo entende que o impacto económico no sector vai ser moi importante. Por este motivo considera que é preciso dotar dunha partida económica a estes concellos que poida reverter directamente nos establecementos turísticos.