O alcalde de Pontevedra remite unha carta aos voceiros do PP e o PSOE "ante unha situación excepcional"

Pontevedra
06 de xaneiro 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernándes Lores, remitiu este sábado, 6 de xaneiro, unha carta aos voceiros do Partido Popular do PSOE, Rafa Domínguez e Iván Puentes, respectivamente

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernándes Lores, remitiu este sábado, 6 de xaneiro, unha carta aos voceiros do Partido Popular do PSOE, Rafa Domínguez e Iván Puentes, respectivamente.

A misiva do alcalde ten como obxectivo reiterar, desta vez por escrito directo, "a chamada á responsabilidade para desbloquear" unha "posible situación de parálise" no Concello como consecuencia da non aprobación dos Orzamentos 2024.

Na súa carta, enviada a primeira hora deste día de Reis, o rexedor sinala que "nunca nestes máis de 24 anos se ten utilizado esta vía da cuestión de confianza", subliñando o carácter excepcional da mesma e da situación que se pode dar no Concello. 

"Na miña traxectoria demostrei que sempre que existise algunha outra posibilidade de que o Concello de Pontevedra puidese funcionar razoablemente ben, evitei recorrer a este mecanismo excepcional da cuestión de confianza, fose chegando a acordos para a súa aprobación, algúns anos ben difíciles e tardíos, fose prorrogando os Orzamentos do exercicio anterior", apunta o alcalde nacionalista.

Lores explica no documento que neste curso 2024 se dan unha serie de "circunstancias excepcionais" que obrigan a ter "canto antes" os Orzamentos, de aí a "necesidade" da cuestión de confianza.

O alcalde sinala coma os tres puntos principais: que nunca antes se tiveran que prorrogar os Orzamentos dous exercicios seguidos, acumulándose os efectos negativos de cada unha das prórrogas por separado. Tamén apunta á elevada inflación que houbo nestes dous anos que repercute nas elevadas subas dos gastos correntes e dos gastos de persoal.

E a terceira son os prazos perentorios para a execución dos fondos europeos para os que se necesita consignar a parte de financiamento municipal.

Deste xeito, e afondando nas cifras, o alcalde explica que en comparación a outras prórrogas anteriores dos orzamentos, nas que había que reter, é dicir, bloquear e declarar non dispoñíbles, entre 1 e 2 millóns de euros de partidas de gasto corrente, "unha cantidade asumible", nesta ocasión, para o exercicio de 2024, o Concello debería bloquear máis de 11 millóns de euros, "o cal é practicamente imposible", quedando a administración "inutilizada para desenvolver actividades propias", según explica Lores, como dar subvencións e actividades de ámbito social, cultural, deportivo ou festivo.

"Entendín, entendo e dou por suposto que cada forza política adopta as súas decisións coa máxima responsabilidade e coherencia da que é capaz. Por esta razón, non me prodigo en chamadas á responsabilidade nin a recomendarlle a ningunha forza política o que debe facer ou non facer, e, moito menos, en mandar cartas aos demais portavoces. Pero estamos ante unha situación excepcional na que está en risco o propio funcionamento do Concello, de numerosas asociacións e clubs, así como actividades, actuacións e obras municipais das que goza e participa a sociedade pontevedresa", sinala o rexedor, insistindo, unha vez máis, esa chamada á responsabilidade.