O alcalde de Pontevedra reclama unha rede ferroviaria de cercanías

Pontevedra
23 de febreiro 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladou este xoves o seu apoio ás propostas da sección ferroviaria de Comisións Obreiras (CCOO) para reforzar os servizos de tren de proximidade como unha altermativa de mobilidade "eficiente, sostible, barata e segura"

Reunión do alcalde de Pontevedra con representantes da sección ferroviaria de Comisións Obreiras
Reunión do alcalde de Pontevedra con representantes da sección ferroviaria de Comisións Obreiras / PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladou este xoves o seu apoio ás propostas da sección ferroviaria de Comisións Obreiras (CCOO) para reforzar os servizos de tren de proximidade como unha altermativa de mobilidade "eficiente, sostible, barata e segura".

O rexedor abordou nunha reunión con Antón Conde, secretario xeral da federación ferroviaria de CCOO de Pontevedra, a situación do ferrocarril na provincia.

Na reunión coincidiron en que a media distancia na provincia ten frecuencias "mellorables" e que a rede de proximidade é "inexistente". Avogaron polo desenvolvemento dunha rede "útil" para un territorio no que reside un millón de persoas.

Lores reclamou "que se repoñan e reforcen os servizos ferroviarios de curta distancia na comunidade" e tamén que se combinen e complementen adecuadamente co transporte en autobús, no camiño da "intermodalidade".

Tamén agradeceu a estes representantes sindicais o seu esforzo por convencer a institucións, empresarios e asociacións de Pontevedra e o norte de Portugal das posibilidades de mobilidade, consolidación poboacional e servizo que tería para a provincia a creación dun tren de proximidade. 

Antón Conde valorou positivamente a aposta do alcalde de Pontevedra por impulsar unha mobilidade sostible, retirando coches e conectando mellor á poboación da maior parte da provincia.

Para iso recalcou que non fai falta acometer obras pois as liñas xa existen, senón que se trata de poñer os trens e por iso fai falta "vontade política" por parte do Goberno central e tamén da Xunta para conectar ás poboacións que están na área de influencia do tren.

Conde explicou que a súa intención é que a súa proposta teña apoio político "e tamén social e empresarial", para esixir que se poña en marcha o plan de proximidade.

O alcalde de Pontevedra comprometeuse a levar este asunto ao próximo pleno para o seu debate como moción.

A sección ferroviaria de CCOO tamén aposta por traballar a conexión diaria co veciño Portugal, ampliando as conexións na Eurorrexión Norte, apoiándose nunha infraestrutura ferroviaria convencional, existente e dispoñible pero actualmente infrautilizada.