O alcalde de Pontevedra avoga por deseñar unha nova política forestal

Pontevedra
17 de outubro 2017

O concello de Pontevedra acolleu este martes unha concentración silenciosa ante as portas do seu edificio principal na que se expresou a "solidariedade con todos os afectados nesta vaga de incendios", especialmente cos familiares e amigos dos falecidos

Concentración no Concello de Pontevedra contra os lumes forestais
Concentración no Concello de Pontevedra contra os lumes forestais / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra acolleu este martes unha concentración silenciosa ante as portas do seu edificio principal na que se expresou a "solidariedade con todos os afectados nesta vaga de lumes", especialmente cos familiares e amigos dos falecidos. Neste acto, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores trasladou a súa felicitación a todas as persoas, membros dos servizos de extinción, corpos de seguridade e particulares, que traballaron no combate contra o lume.

O alcalde de Pontevedra insistiu en que "non é asumible que cada cinco ou dez anos haxa unha vaga de lumes con risco para as persoas e as propiedades e esteamos nunha situación deste tipo". Ao seu xuízo, "temos que facer un esforzo todos, todas as institucións e todos os cidadáns, en reconverter esta situación".

Lores criticou que "indiscutiblemente, hai unha ausencia de política forestal que facilita estas cousas e unha potenciación dunha forma clara do monocultivo de eucalipto" e apuntou que "non é casualidade" que ardese todo o norte de Portugal, Galicia e Asturias, algo que atribuíu "á política forestal que fai que teñamos especies que non son autóctonas e que favorecen os lumes" xunto con outros factores que citou como a seca.

O rexedor nacionalista considera que "hai que tomarse moi en serio" a prevención e a ordenación do monte galego para "poñelo en valor" e, entre outras cousas, "sacarlle mais rendibilidade". "Hai unha responsabilidade de todo o mundo de facelo doutra maneira", resumiu.

Lores tamén fixo un chamamento porque, no caso concreto de Pontevedra "hai abertos moitísimos expedientes" a propietarios de masas forestais preto de vivendas que incumpren coa súa obrigación de cortalas ou coidalas "e non damos abasto abrindo expedientes para que a xente cumpra coa súa obrigación".

CRÍTICAS Á XUNTA

Rafael Domínguez,"Lores mintió y se confundió de enemigo atacando al 112"

O alcalde de Pontevedra abundou nas súas críticas á Xunta pola coordinación dos servizos de emerxencia. "O 112 recoñece expresamente que non nos chamaron que o fixeron despois de que nos puxésemos en contacto cos bombeiros de Vigo e fósemos alí onde criamos que podiamos actuar", dixo. En concreto os bombeiros pontevedreses trasladáronse a Ponteareas para colaborar na extinción cun vehículo e cinco bombeiros.

Este martes o alcalde de Pontevedra insistiu en que os servizos do parque de bombeiros de Pontevedra "sempre estiveron a disposición" e resolveu o asunto engadindo que "non quero entrar en polémicas porque non serve de nada, o que serve é que apaguemos os incendios e que fagamos unha política forestal de fronte ao futuro".

Quen si mediou nesta polémica foi o grupo municipal do Partido Popular que considera "desafortunadas" as declaracións realizadas polo alcalde. "Con múltiples incendios forestales aún activos, era el momento de demostrar altura de miras y estar unidos contra el verdadero enemigo que son los incendiarios", sinalaron.

Segundo afirmou en rolda de prensa o concelleiro popular, Rafael Domínguez, "Lores mintió y se confundió de enemigo atacando al 112".

Arquivado en