O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, referiuse este venres á situación de estado de prealerta por escaseza de auga na conca do río Lérez e afirmou que "o abastecemento está asegurado grazas a un sistema moi forte, cun nivel de perdas mínimo".
Lores sinalou que a día de hoxe o encoro do Pontillón de Castro está ao 95 % da súa capacidade como reserva de auga. "Temos un colchón que non é preciso usar aínda", e tamén apuntou que "o caudal do Lérez sitúase nos 1,3 metros cúbicos por segundo".
O rexedor insistiu en que o abastecemento está garantido polo momento a todos os municipios que captan auga do río pontevedrés, pero engadiu que fai falta concienciar á poboación sobre o seu consumo diario para asegurar o aforro de auga e facer un uso racional do recurso.
Neste sentido, o alcalde da capital deu conta das diversas recomendacións aprobadas este venres na Xunta de Goberno Local dirixidas á cidadanía e ás empresas e entidades para concienciar do uso sostible da auga apta para consumo humano. Son consellos como non empregala para encher piscinas particulares, regas de xardíns ou limpeza de coches por particulares, entre outros usos.
Por agora moderaranse os consumos municipais nos baldeos das rúas ou as fontes ornamentais, por exemplo.
Tamén se promoverá a instalación de dispositivos de aforro doméstico e desde o Concello instarán as empresas e industrias a minimizar o consumo e a un uso razoable da auga do abastecemento municipal.
En definitiva, que se tome conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles.
A XUNTA ACONSELLA AXILIZAR O ENTE SUPRAMUNICIPAL
A Xunta aconsellou este venres aos concellos do sistema de abastecemento do río Lérez axilizar a creación do ente supramunicipal para a xestión da subministración de auga e elaborar un Plan de seca conxunto.
O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo este venres unha reunión telemática cos concellos do sistema de abastecemento de Pontevedra para abordar a situación de prealerta por escaseza de auga na bacía, declarada o mércores pola Oficina Técnica da Seca.
No encontro, convocado por Augas de Galicia a petición dos concellos, participaron representantes dos municipios de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Bueu e Vilaboa, que coñeceron os indicadores e valores avaliados e a súa comparativa coa situación do mesmo período do ano pasado.
A prealerta por escaseza de auga supón intensificar a vixilancia da auga dispoñible en relación ás necesidades existentes, anticipándose para poder adoptar as medidas necesarias para garantir o abastecemento.
Augas de Galicia tamén chama ao consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios como as regas, o enchido de piscinas ou os baldeos.