O alcalde de Pontevedra acusa á Xunta de "deslealdade absoluta" cara o Concello

Pontevedra
23 de outubro 2013

O rexedor lamenta o "ninguneo" cara a este Concello e sinala que "non hai a máis mínima colaboración, nin entendemento, nin respecto institucional, nin respecto polo modelo urbano, nin se atenden nunca as propostas que nós facemos en calquera tipo de actuación"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acusou á Xunta de Galicia de "deslealdade absoluta" cara ao Concello de Pontevedra e de "estar en contra dos veciños deste municipio ninguneando as súas demandas".

Fernández Lores e a deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montserrat Prado, compareceron en rolda de prensa para criticar as "partidas absolutamente insignificantes" que destina para Pontevedra o proxecto de Orzamentos de la Xunta.

O rexedor lamentou o "ninguneo" cara a este Concello e sinalou que "non hai a máis mínima colaboración, nin entendemento, nin respecto institucional, nin respecto polo modelo urbano, nin se atenden nunca as propostas que nós facemos en calquera tipo de actuación". "En cambio si están todo o día culpando ao Concello por todo", dixo o alcalde capitalino visiblemente anoxado por esta "falta de respecto sistemática cara aos cidadáns".

Máis alá destas críticas xerais, Fernández Lores centrou a súa análise en tres partidas específicas: as 131 vivendas sociais de Valdecorvos, dotadas con cinco millóns de euros para o próximo exercicio. Segundo os cálculos feitos polo alcalde, dende que o bipartito adxudicou estes edificios xa se consignaron máis de 22 millóns de euros "pero non se dan rematado nunca, polo tanto están a enganar porque non están a executar nin a cuarta parte".

En canto ao Hospital de Monte Carrasco, "nós cremos firmemente que non se vai facer o hospital", sinalou que os Orzamentos só consideran "unha partida simbólica para marear a perdiz" e reiterou o posicionamento do goberno local BNG-PSOE por un Hospital ÿnico coa "ampliación razoable" do actual en Montecelo.

Finalmente citou ao edificio xudicial da Parda, acusando de "inxustificable" a actitude do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, por non avanzar con esta infraestrutura xa que os terreos xa están postos a disposición da Xunta, "independentemente de que unha cuestión burocrática do catastro está a prolongar a redacción da escritura final", dixo Lores "pero está claro que o Concello leva invertido un millón e medio de euros para adquirir uns terreos catalogados como equipamento e destinado aos xulgados", concluíu.