Perfecto Rodríguez, alcalde de Ponte Caldelas, mostrou a súa preocupación ante o movemento veciñal de 'Salvemos a Fracha' que se opón á construción da A-57, a denominada circunvalación de Pontevedra. O rexedor mantivo unha entrevista no Concello co presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Barros, na que manifestou a importancia que ten para a comarca a construción da circunvalación de Pontevedra e sinalou que "é unha infraestrutura reclamada dende hai uns 40 anos e que permitirá enlazar a área empresarial da Reigosa-O Campiño coas principais vías de alta capacidade que dan servizo á capital da provincia".
Rodríguez indicou que Pontevedra é a única capital de provincia que carece dunha infraestrutura destas características e mostrou a súa preocupación polos movementos contrarios a esta obra "tan necesaria para a mellora das comunicacións da bisbarra, en especial para esta zona empresarial" e engadiu que "se trata dun proxecto destinado a resolver problemas de tráfico na entrada da cidade e non a comunicar parroquias entre se. Para este labor prevense outras fórmulas a través das roldas interiores e non esta circunvalación, que ten outra finalidade moi importante".
O alcalde de Ponte Caldelas concluíu indicando que a A-57 "ten que afectar a algúns terreos e parece moi razoable que afecte a zonas de monte que a zonas onde existan vivendas".
Por outra parte, Perfecto Rodríguez e Eduardo Barros, durante a reunión, comprometéronse a promover e impulsar o parque empresarial da Reigosa coa intención de que poida acoller calquera proxecto industrial que precise a bisbarra de Pontevedra.
Ambos os dous dirixentes acordaron celebrar, en breve, un encontro de comerciantes e empresarios de Ponte Caldelas para analizar a situación actual do sector.