Días despois de que se anunciara que comeza o proceso de fusión entre os concellos de Cotobade e Cerdedo, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, amosouse partidario destes procesos entre municipios con menos de 5.000 habitantes, pero cre que é necesario que todo se faga con "maior transparencia e participación cidadá na toma de decisións".
O alcalde é partidario das fusións, sobre todo, entre municipios de menos de 5.000 habitantes, que por separado teñen máis difícil a viabilidade económica necesaria para seguir prestando uns axeitados servizos aos seus cidadáns, pero cre que é necesario abrir un debate ao respecto e que, antes de cada proceso de fusión, se faga un estudio previo de viabilidade económica.
Andrés Díaz tamén considera necesario que a Deputación Provincial elabore un informe técnico para avanzar nesta materia con coñecemento de causa e sopesando os pros e os contras para que o resultado "teña mínimas garantías de éxito". O que persegue é que estes procesos de fusión "non obedezan a motivos escuros que, en lugar de beneficiar ao cidadán, van na súa contra".
"Os políticos non deberían ter medo en facilitar a transparencia, a participación cidadá e a corresponsabilidade de todos para dar respostas a problemas que non son de futuro senón que, en moitos casos, son xa unha realidade que hai que superar", valorou.
No caso de Ponte Caldelas, supera ampliamente os 5.000 habitantes, pero Andrés Díaz está disposto a estudar calquera oferta que teña como protagonistas aos veciños e colectivos sociais. Iso si, pediría que fora consensuada coa oposición e os veciños e que contara con toda unha serie de estudios económicos e de prestación de servizos ao cidadán que permitira acadar con éxito para todos calquera fusión.
O responsable local tamén se referiu á compensación económica de dous millóns de euros que ofrece a Xunta de Galicia aos concellos que afronten a fusión no primeiro semestre deste ano e sinalou que "habería que ver en que queda todo isto, xa que tiñamos que coñecer cales son os verdadeiros obxectivos que persigue a Xunta ocultos tras estes procesos de fusión". Recorda, ademais, que no proceso que xa se realizou, o dos municipios coruñeses de Oza-Cesuras, en principio,"non parece que se cumprira o prometido aos veciños cando se iniciou o proceso".
Ao respecto, quere que se teña en conta que o goberno da Xunta pode mudar nuns meses por mor das eleccións autonómicas e "sería bo que todo o mundo fora prudente e tivera claro o futuro que lle agarda a esto das fusións".