O alcalde de Ponte Caldelas entra de cheo na polémica pola súa queixa contra os Baños de San Xusto

Ponte Caldelas
02 de maio 2020
Actualizado: 16:24

Andrés Diaz da a coñecer o ditame do Defensor del Pueblo que suxire "revisar de oficio" o convenio entre a Xunta e Cerdedo-Cotobade, "declarar a súa nulidade" e "esixir o reintegro" dos fondos outorgados, ao considerar que se recibiu esta axuda "sen reunir os requisitos esenciais"

Ditame do Defensor del Pueblo sobre os Baños de San Xusto
Ditame do Defensor del Pueblo sobre os Baños de San Xusto

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, entrou este sábado de cheo na polémica xurdida nos últimos días na comarca a raíz da queixa que el mesmo presentou á Valedora do Pobo e ao Defensor del Pueblo a raíz do convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Cerdedo-Cotobade para a obra de restauración dos Baños de San Xusto. 

Despois de que o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, arremetera contra el e de que todos os grupos políticos do seu municipio lle deran o apoio ao proxecto, agora Andrés Diaz da a coñecer o ditame do Defensor del Pueblo que cuestiona o proxecto. 

Andrés Diaz denuncia que a Xunta de Galicia "decidiu discrecionalmente" financiar o 100% do custo das obras dunha nova instalación termal en San Xusto, un convenio que considera "falto de transparencia" e que non permitiu que todos os concellos de Galicia puidesen optar ás axudas da Xunta en igualdade de condicións.

Como resposta á súa queixa, o Defensor del Pueblo suxire "revisar de oficio" o convenio, "declarar a súa nulidade" e "esixir o reintegro" dos fondos outorgados a Cerdedo-Cotobade, ao considerar que se recibiu esta axuda mediante concesión directa "sen reunir os requisitos esenciais para iso". 

Ademais, o ditame do Defensor del Pueblo que Andrés Diaz fixo público este sábado engade a recomendación de aprobar as bases reguladoras das axudas destinadas a entidades locais para a protección e fomento da paisaxe nas que se regulen, entre outras cuestións, os criterios de selección do proxecto, as cantidades subvencionables ou os criterios de reparto de fondos, así como outorgar as subvencións a través dun procedemento de concorrencia competitiva. 

Andrés Díaz considera que "a adxudicación a dedo da Xunta de Galicia foi un prexuízo para Ponte Caldelas", que dispón dun proxecto similar e co que non puido concorrer a dita subvención. Así, aínda que amosa o seu total apoio á posta en marcha dos Baños de San Xusto, engade que "tamén defendo que todos os concellos de Galicia poidamos optar ás axudas da Xunta de Galicia en igualdade de condicións". 

CRÍTICAS DE CUBELA AO PSOE

No marco desta mesma polémica, o alcalde de Cerdedo-Cotobade acusou ao grupo municipal do PSOE e á súa voceira, Lina Garrido, de "romper ás agachadas" o pacto unánime que teoricamente se acordou na xornada do venres entre o goberno e os dous grupos da oposición para a defensa da rehabilitación dos Baños do San Xusto.

Cubela manifestouse "profundamente decepcionado" pola actitude dos socialistas de Cerdedo-Cotobade, xa que "pactaron unha cosa e fixeron outra por detrás". "Veñen de cometer unha traizón á miña boa vontade e á defensa do Concello", lamentou Cubela, que detallou que o goberno local propuxo un comunicado conxunto que recollía a defensa do convenio coa Xunta, a legalidade da tramitación, a importancia estratéxica do proxecto, a continuidade das obras e a esixencia ao alcalde de Ponte Caldelas de que cesara no seu intento de boicot.

O voceiro do BNG, Ernesto Filgueira, sumouse ao comunicado conxunto mentres os socialistas presentaron un texto alternativo que defendía a actuación pero que obviaba pedir a Andrés Díaz que abandonara a súa estratexia de confrontación coa obra, pero finalmente alcanzouse un pacto e o PSOE local introduciu un sétimo punto pedindo o abandono da lea a Díaz. O malestar de Cubela chega porque os socialistas colgaron nas súas redes o comunicado non acordado, sen a citada esixencia ao alcalde de Ponte Caldelas