O alcalde de Ponte Caldelas conclúe que na fusión de Cerdedo e Cotobade "se comezou a casa polo tellado"

Ponte Caldelas
31 de xullo 2016

 Andrés Díaz ve nos informes técnico e político da Deputación unha "confirmación sobre as moitas dúbidas" que pesan sobre o proceso de fusión, no que considera que faltaron tres ingredientes básicos para un asunto deste calado: "transparencia diante dos cidadáns, informes técnicos previos e defensa dos intereses xerais"

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas / Mónica Patxot

Os informes da Deputación de Pontevedra cuestionando o proceso de fusión voluntaria entre os concellos de Cercedo e Cotobade seguen a dar de si. Despois de que os alcaldes dos municipios afectados cargasen tintas contra a presidenta provincial, Carmela Silva, este domingo é o rexedor de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o que reacciona e lamenta que neste asunto "se comezara a casa polo tellado saltándose a opinión dos veciños e o ditame dos técnicos provinciais"

Andrés Díaz ve nos informes técnico e político da Deputación unha "confirmación sobre as moitas dúbidas" que pesan sobre o proceso de fusión, no que considera que faltaron tres ingredientes básicos para un asunto deste calado: "transparencia diante dos cidadáns, informes técnicos previos e defensa dos intereses xerais".

"O Partido Popular tomouse a fusión como un traspaso por xubilación do Concello de Cerdedo, faltándolle así ao respeto non só aos veciños de Cerdedo, senón tamén aos de Cotobade", sinalou o alcalde de Ponte Caldelas en declaracións feitas públicas este domingo a través dun comunicado.

Na súa opinión, é "inadmisible" afrontar un proceso semellante só uns meses despois dunhas eleccións municipais nas que "se lle mentiu groseiramente á xente ocultándolle esta información".

Ademais, considera que o informe técnico preceptivo da Deputación debería ter sido o primeiro paso, ao tratarse da administración competente no apoio aos pequenos municipios, pero a realidade foi que "todo o expediente quedou reducido á foto dos alcaldes con Núñez Feijoo; calquera parecido coa Lei de Transparencia e Bo Goberno é casual".

O alcalde de Ponte Caldelas propuxo hai meses que se fixera un estudo serio sobre a viabilidade técnica das distintas opcións de fusión, entre elas a posibilidade de unir Ponte Caldelas e Cotobade.