O alcalde de Elche, Carlos González, recibiu este xoves ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Foi unha visita protocolaria que foi aproveitada para intercambiar impresións sobre a importancia de recuperar os espazos urbanos para as persoas.
No encontro estaba tamén Mireia Mollâ, concelleira de Relacións Institucionais e os representantes do Institut d ́Estudis Comarcals del Baix Vinalopó, entidade que convidou a Lores para falar da transformación urbana de Pontevedra.
"Para mi como alcalde de Elche creo que es una referencia importante", dixo Carlos González.
Este encontro produciuse antes da conferencia-coloquio que impartiu o rexedor pontevedrés na sede da Fundación Caja Mediterránea, sobre o tema "Menos coches, máis cidade".
Tratábase dun foro aberto que ten como obxectivo coñecer polo miúdo o modelo Pontevedra -como se formulou, os pasos dados para acadar a transformación radical dos últimos anos, as reticencias e os apoios tidos neste percorrido...-, nun momento no que está en Elche de plena actualidade o proxecto municipal de avanzar na municipalización do centro.
"Eu estou aquí para expor e compartir a nosa experiencia, se atopan inspiración en nós encantados pero cada quen ten que atopar o seu propio camiño", subliñou Lores.
Na conferencia, Fernández Lores falou do proceso de transformación de Pontevedra. Datos como cero mortos por accidente de tráfico dende o ano 2011, 70% dos movementos da cidade a pé ou en bici, incremento da poboación urbana, o 81% de estudantes camiñando aos centros escolares ou un aumento do turismo que acadou no 2017 un 28% abriron a porta a un debate de máis dunha hora.
O público interesouse por cuestións tan diversas como de que xeito os técnicos responderon as directrices políticas de transformación urbana, como se regula o tráfico das bicis pola cidade sen carrís-bicis, como foi o proceso seguido para vencer a resistencia atopada ao cambio de paradigma para situar as persoas por enriba de todo ou como responderon os pontevedreses á recuperacións dos espazos públicos.