O alcalde de Cuntis reclama a mellora da Rede Galega de Atención Temperá

Umia
15 de abril 2019

O primeiro Día da Atención Temperá celebrouse na mañá deste luns na Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) de Cuntis. Na xornada, á que asistiron medio centenar de nenos que fan uso do servizo, houbo xogos, obradoiros de maquillaxe e globoflexia. 

Celebración do primeiro Día da Atención Temperá en Cuntis
Celebración do primeiro Día da Atención Temperá en Cuntis /

O primeiro Día da Atención Temperá celebrouse na mañá deste luns na Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) de Cuntis. Na xornada, á que asistiron medio centenar de nenos que fan uso do servizo, houbo xogos, obradoiros de maquillaxe e globoflexia. 

O servizo de Atención Temperá de Cuntis é un departamento que ofrece atención especializada a menores de entre 0 e 6 anos que se atopan con trastornos evolutivos no seu desenvolvemento. A través do departamento, xestionado pola Asociación Aceesca (Asociación Comarcal de Educación Especial), organízanse actividades cos nenos, á vez que se detectan e preveñen problemas no seu desenrolo, que non teñen por que ter relación con discapacidades ou problemas familiares necesariamente. 

No evento participaron os alcaldes e concelleiros dos cinco Concellos que integran o servizo de Atención Temperá: Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas. Ademais, o alcalde da vila termal, Manuel Campos Velay, fixo a lectura dun discurso-manifesto no que solicitaba a creación dunha norma estatal para asegurar en condicións igualitarias o servizo de Atención Temperá en menores con trastornos evolutivos de todo o país. 

Segundo aseguraba, dende a incorporación no ano 2000 do Libro Branco de Atención Temperá, o primeiro documento con validez estatal referente á intervención en nenos de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento, foron moitos os cambios, normas, criterios e estruturas que se foron engadindo. Malia isto, a implantación desta asistencia foi irregular entre as diferentes CCAA, o que resultou nunha rede de servizos cunha organización, normativa e orzamento diferentes

No caso de Galicia, a prestación chega a tan só 92 dos 315 municipios, polo que se solicitaba o incremento da inversión actual na Rede de Atención Temperá galega de 2 a 10 millóns de euros, o que permitiría unha atención igualitaria en todos os municipios da comunidade. 

Ante esta situación, Campos Velay manifestou que a Federación Española de Asociacións de Profesionais da Atención Temperá considera que chegou o momento de avanzar cara a un modelo común de Atención Temperá e declarala como un dereito subxectivo que posúen os nenos. Un dereito que debe ser público, universal, preventivo, gratuíto, especializado e garantido.