O alcalde de Caldas de Reis sinala o abandono das residencias de maiores pola Xunta durante a crise sanitaria

Umia
18 de xuño 2020

O alcalde de Caldas de Reis, onde se rexistrou o primeiro caso de Covid19 de Galicia, denuncia que todo o material EPI para o persoal do centro foi proporcionado polo Concello e que a Consellería de Sanidade non colleu o teléfono e nin sequera fixo tests

Os representantes do Partido Socialista diante da Residencia de Maiores de Caldas de Reis
Os representantes do Partido Socialista diante da Residencia de Maiores de Caldas de Reis /

O secretario xeral do PSdeG-PSOE Pontevedra, David Regades, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, acompañados dos membros da candidatura socialista, denunciaron a "nula atención" por parte da Xunta de Galicia ás residencias de maiores durante a pandemia da Covid-19.

Juan Manuel Rey explicou que en Caldas de Reis rexistrouse o primeiro brote de infección por coronavirus nunha residencia galega. Foi na xornada do mércores 18 de marzo, só catro días despois de decretarse o estado de alarma, cando unha persoa do centro xestionado pola congregación relixiosa das "Hermanitas de los Ancianos Desamparados" comezou a presentar síntomas.

O Concello de Caldas de viuse obrigado a subministrar buzos, máscaras, luvas e hidroxel á residencia "diante do desleixo da Consellería de Sanidade", que "fixo caso omiso das peticións".

Rey engadiu que a primeira desinfección tivo que ser realizada por persoal da Agrupación Municipal de Protección Civil e a, partir de aí, tan só contou coa colaboración da Subdelegación do Goberno, que enviou á Brilat por dúas veces para facer desinfeccións en profundidade. O alcalde lamenta que chamou máis de media ducia de veces ao servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade para reclamar a realización de tests PCR ao persoal da Residencia.

"Esta é a realidade da atención ás Residencias de Maiores durante a crise por parte desta Xunta de Galicia que finxe non ter competencias e que agochouse detrás do Goberno de España mentres puido, como se non existira o Estado das Autonomías", declarou David Regades.

O secretario provincial recalca que, unha vez máis, constátase que foron os concellos os que resolveron os problemas reais sobre o terreo "diante da ausencia dun Goberno galego que só apareceu, virtualmente, a través da Televisión de Galicia".

Regades conclúe que, a día de hoxe, o Concello de Caldas só recibiu o soporte económico da Deputación de Pontevedra, a través do reparto regrado dun Fondo Extraordinario creado para atender os gastos municipais durante a pandemia. "Da Xunta nada se sabe", sentenciou.