O alcalde de Barro analiza con Augas de Galicia a construcción da nova depuradora

Barro
11 de setembro 2019

O alcalde tamén aproveitou a reunión coa directora de Augas para explicar a situación do abastecemento de auga potable e o interés do Goberno de Barro en poder abastecerse dende o Pontillón de Castro, como reforzo ás captacións propias do Concello

O alcalde de Barro e a directora xeral de Augas de Galicia
O alcalde de Barro e a directora xeral de Augas de Galicia / Concello de Barro

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, entrevistouse este martes coa directora xeral de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez, para falar da construcción dunha nova depuradora.

O Concello xa mercou os terreos necesarios para a ubicación desta instalación, que dará servizo á parroquia de Perdecanai e a boa parte das de Agudelo, Barro e Valiñas.

Na entrevista mantida coa directora xeral, o alcalde explicou cal era a situación do saneamento no municipio e o interés do goberno local en achegar este servizo a moitos máis lugares dos que chega agora. Nela tamén se analizou a posible colaboración de Augas de Galicia para levar a cabo a execucción desa nova depuradora.

O Concello de Barro solicitará á consellería a redacción do proxecto constructivo, como primeiro paso para buscar o financiamento das obras, co obxetivo de que este equipamento sexa unha realidade no actual mandato.

O alcalde tamén aproveitou a reunión coa directora de Augas para explicar a situación do abastecemento de auga potable e o interés do goberno de Barro en poder abastecerse dende o Pontillón de Castro, como reforzo ás captacións propias do Concello.