O alcalde da Lama pide a mediación de Rajoy ante o presidente de México

A Lama
24 de maio 2017

Jorge Canda suxire que se poida "trocar" a licenza entre España e México D.F. co fin de que os que vivan noutros estados da Unión poidan validar previamente o seu permiso coa administración federal

Peña Nieto e Mariano Rajoy
Peña Nieto e Mariano Rajoy / Gobierno de España

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, dirixiuse por carta ao presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy Brey, coa fin de informarlle sobre os prexuízos que sofren os emigrantes galegos en México que retornan no verán ou por longas tempadas en Galicia e que non poden "trocar" o seu permiso de conducir .

Por iso, ínstalle a dirixirse ao seu homólogo Enrique Peña Nieto para que se arbitren solucións que eviten estes trastornos aos nosos compatriotas e tamén aos nacionais mexicanos que veñan de visita a España.

Canda propón como solución subscribir un convenio internacional que contemple unha correspondencia homologable en materia de permisos de conducir entre a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e o seu homólogo da capital mexicana para facilitar os trámites posto que todos os estados manteñen un sistema de compatibilidade en materia de licenzas con México D.F.