O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, recibiu no seu despacho do Consistorio aos membros da Plataforma "Non á fusión Cerdedo-Cotobade" quen lle trasladou a súa oposición ao proceso iniciado polos seus respectivos municipios.
Nun ambiente cordial e de diálogo, o rexedor da Lama manifestoulles o seu parecer favorable á fusión porque "non hai outro camiño para garantir a prestación axeitada de servizos aos veciños que a unión de concellos", dixo.
Canda manifestoulles a necesidade de facer un estudo en profundidade que teña en conta os parámetros económicos, a eficiencia na prestación de servizos e que pensase non futuro.
Preguntado polos membros da Plataforma se vería ben unha fusión da Lama con Cerdedo-Cotobade, o rexedor lamense sinalou que "non descarto nada. No futuro, unha vez que se vexa o funcionamento desa fusión, que eu creo que será positiva para a xente, iremos cara á unión que se considere máis oportuna".
"O que está claro é que nós non quedaremos abandoados nin á deriva, teremos que ir con aqueles concellos que nos aportes e cos que nós podamos tamén aportar algo. Temos un polígono industrial, modesto pero que crea emprego e fixa poboación e tamén temos os impostos máis baixos de toda a bisbarra e seguirán así polo menos durante os vindeiros catro anos. Nós sempre pensamos nos veciños e veciñas de A Lama e seguiremos facendoo", respondeu Jorge Canda.
Finalmente o alcalde aconsellou á presidenta da Deputación de Pontevedra "que tome nota e que reciba aos alcaldes ao igual que nós atendemos aos veciños e ás plataformas".