O alcalde da Illa, logo de ser agredido, fala de "feito illado" e reincorpórase ao traballo

O Salnés
09 de xaneiro 2023

Para el, o sucedido "non ten máis percorrido" e "está esquecido". Reincorporouse este luns ás súas tarefas ao fronte da Alcaldía aínda convalecente das lesións e quixo "restar toda a importancia" á agresión sufrida por parte dun veciño da Illa co que mantivo unha discusión en plena rúa. Deulle un empuxón, caeu ao chan e sufriu unha lesión na clavícula

Carlos Iglesias
Carlos Iglesias

O alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, cualificou este luns de "feito illado" a agresión que sufriu na madrugada do sábado ao domingo durante a celebración das festas patronais de San Xulián. Para el, o sucedido "non ten máis percorrido" e "está esquecido"

Iglesias reincorporouse este luns ás súas tarefas ao fronte da Alcaldía aínda convalecente das lesións e quixo "restar toda a importancia" á agresión sufrida por parte dun veciño da Illa co que mantivo unha discusión en plena rúa. Deulle un empuxón, caeu ao chan e sufriu unha lesión na clavícula.

Para o alcalde arousano, "o importante é traballar pola veciñanza da Illa de Arousa, isto non pasa de ser unha anécdota desagradable".

Aínda que resta importancia á agresión, sinala que "non podo aceptar este tipo de comportamentos". 

En todo caso, o alcalde asume a súa obriga, como alcalde, de seguir traballando e apela "ao entendemento, ao respecto e ao diálogo, porque todos e todas somos veciños".

Carlos Iglesias tamén tilda o acontecido como "un mal momento" e insiste en que o ocorrido non o desanima "en absoluto" a continuar traballando e que mantén as portas da Alcaldía "abertas", ao igual que o estiveron nestes últimos 8 anos, para todas aquelas persoas que lle queiran trasladar calquera cuestión ligada ao traballo municipal.

"Eu seguirei atendendo a todo o mundo, porque non concibo o meu traballo na Alcaldía doutro xeito. Antes que alcalde son un veciño máis", explica Iglesias. 

O alcalde agradece as numerosas mostras de apoio recibidas tanto da veciñanza como de persoas e colectivos de Galicia e mesmo de fóra de Galicia.

Ademais, sinalou que a mañá deste luns transcorreu xa "coa normalidade de traballo habitual na Alcaldía", centrada na resolución de problemas urxentes. Como exemplo, explica que trata desde primeira hora da mañá de poñerse en contacto con Portos de Galicia para trasladarlle o malestar do Concello polo derrubamento durante a fin de semana do Paseo do Cantiño, unha infraestrutura en avanzado estado de deterioro sobre a que o goberno local ven solicitando a atención do ente autonómico desde hai meses, sen obter resposta.

Nesta liña, insiste en que "estas son as cousas que interesan á veciñanza", os temas importantes "nos que temos que centrarnos", pois está en xogo a seguridade das persoas usuarias dese paseo e Portos "está desatendendo as súas responsabilidades e competencias nesta infraestrutura".