O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, aplicou e puxo en marcha medidas de prevención nas estradas do Concello de Cotobade, que por mor dos fenómenos meteorolóxicos do inverno, rexistran unha maior perigosidade. O obxecto é garantir a viabilidade e intentar incrementar a seguridade nos viais, especialmente por aqueles polos que pasa o transporte escolar.
O equipo de goberno de Cotobade subliña que "a climatoloxía e as condicións adversas que se xeran nesta estación fan que sexa necesario levar a cabo medidas preventivas destinadas a anticiparse aos principais problemas que pode conlevar esta situación polo que, co obxecto de garantir a viabilidade e intentar incrementar a seguridade nas estradas municipais procedeuse inmediatamente e con urxencia a tomar as medidas preventivas necesarias".
O alcalde agradeceu a colaboración veciñal que se prestou a través das redes sociais
Deste xeito, actuouse principalmente en pistas das parroquias de Caroi, Aguasantas, Valongo-Loureiro, en Mirón e Pazos na parroquia de Borela, no Cádabo e Vila de Riba en Santa María de Sacos, en Trabazo e Paraños na parroquia de Carballedo, na pista da Igrexa de San Xurxo ata Fentáns-Praderrei, e na estrada vella de Tenorio.
Tanto a Deputación Provincial como a Xunta de Galicia tamén atenderon as peticións do Alcalde do Concello e botaron sal naquelas estradas da súa correspondente titularidade.
O alcalde agradeceu a colaboración veciñal que se prestou a través das redes sociais indicando onde había que facer actuacións deste tipo tras ser solicitadas polo propio rexedor a través de Facebook.