O alcalde José Cela e a arquitecta municipal realizaron este venres unha visita á Rúa 3 de Santa Lucía para comprobar o avance das obras, que se están executando "a moi bo ritmo".
Tal e como explicou o rexedor, este proxecto adxudicouse por 326.000 euros por parte da Xunta de Galicia e comportará o ancheamento das beirarrúas, no que é un treito estratéxico desta vía autonómica, coincidente con espazos públicos tan relevantes como a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais.
Estase actuando desde a intersección que dá acceso á casa do concello ata a chegar ao límite do casco urbano, onde as beirarrúas se atopan deterioradas debido ao esgotamento da vida útil do pavimento.
O proxecto abrangue as dúas marxes da principal vía do municipio, renovando as beirarrúas, facéndoas accesibles e ampliando o seu ancho nun treito da marxe esquerda para facilitar o tránsito dos peóns. Tamén está prevista a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, o que favorecerá tamén o tránsito dos vehículos en boas condicións.
Nesta actuación aproveitarase para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais, dotando este treito dunha rede de saneamento separativa.
Ademais, renovarase a iluminación e procederase ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións, executando un prisma para estes servizos.
A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento para humanizar este treito de travesía de PO-226, que constitúe o corazón do municipio e que vai gañar, con esta actuación, espazo público para o desfrute dos veciños.