O agardado desfile de Entroido chegou sen chuvia e cargado de humor

Pontevedra
21 de febreiro 2015

Máis de duascentas fotografias do desfile do Entroido, unha festa que remata este domingo en Pontevedra co enterro do loro Ravachol nunha xornada na que se agardan precipitacións. O velorio comezará ás 18:00 horas na Praza da Verdura e o cortexo fúnebre ás 20:30 horas. Finalizará cun espectáculo necrolóxico na Ferrería.

Desfile do Entroido 2015 en Pontevedra (IV)
Desfile do Entroido 2015 en Pontevedra (IV) / Diego Torrado

O desfile do Entroido volveu encher as rúas do centro de Pontevedra de bo ambiente, moito ritmo e de centos de participantes disfrazados que realizaron o percorrido ante miles de persoas que seguían á divertida comitiva da principal actividade destas festas.

Os temas de actualidade, tanto locais coma nacionais, foron o principal motivo para moitos dos disfraces que se puideron ver no desfile.

Así, aparecía unha Isabel Pantoja acompañada por Julián Muñoz, ambos os dous vestidos de presidiarios, ou as Black Card de Caja Madrid e en canto á crítica de temas locais non podía faltar o Ollo-móbil, a representación do reino de Lores Eternum, unha recreación do café do Hotel Comercio, o enfrontamento entre a concelleira non adscrita María Biempica e o Partido Popular, as multas en Poio por xirar a cabeza ou os anticrematorios promovido pola plataforma veciñal da zona leste.

Tampouco faltaron referencias a películas como Sete noivos para sete irmás ou 101 dálmatas.

A ausencia de chuvia permitiu que discorrer do desfile se realizase sen problemas, despois de terse aprazado da súa data inicial, o pasado sábado. Unha situación que non está previsto que se repita durante o domingo, cando se peche o Entroido pontevedrés co enterro de Ravachol. As previsións de MeteoGalicia anuncian chuvascos durante a xornada.

Ás 12.00 horas está prevista a recreación da botica de Perfecto Feijoo na Praza Peregrina e a partir das seis da tarde, a Praza da Verdura acollerá o inicio do velorio do loro coa petición de que os asistentes acudan de rigoroso loito.

A partir das 20:30 horas sairá o cortexo fúnebre acompañado por un séquito de comparsas dende a praza da Verdura ata a praza da Ferrería, onde se incinerará ao finado dando paso a un espectáculo necrolóxico.

Durante este domingo tamén está prevista a celebración da Corrida da Rosca Vila, unha festa tradicional do entroido de Campañó que se recupera no Campo da Festa de Cabaleiro a partires das 17.00 horas.

Arquivado en