Juan Antonio Lusquiños, coñecido como 'Coco', volveu confesar este luns que o 24 de outubro de 2015 matou a puñaladas á súa ex noiva, Concepción Reguera Peón, Conchi, na parroquia de Ponte Sampaio. Xa o recoñecera tras a súa detención ante a Policía Nacional e no Xulgado de Garda, pero agora reiterouno ante o xurado que empezou a xulgalo na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Juan Antonio Lusquiños asistiu aos minutos iniciais do xuízo aparentemente tranquilo e non se mostrou afectado durante o seu interrogatorio, ata que ao final do mesmo, e a preguntas do seu avogado, pediu perdón á familia da falecida e rompeu a chorar. "Que lo siento, que por mucho que haga no la voy a poder devolver", trasladou aos familiares da súa vítima. Un parte deles estaban na sala e nese momento tamén se deixaron invadir polas bágoas.
En relación co crime, indicou que acudiu de madrugada a casa da súa ex noiva porque "la echaba de menos" e sentiu necesidade de vela. Camiñou entre catro quilómetros e medio e cinco e esperouna á porta da vivenda, ata que ela chegou e díxolle "sube, anda, que te llevo a casa". Entrou no coche e ela detívose un momento "para hablar", momento no que empezou unha discusión que "fue a más, a más" e, nun momento dado, aínda dentro do coche, el cravoulle a navalla que sacara para facer un porro. "Se me fue de las manos", recoñece.
Tras esa primeira coitelada, ela saíu do coche e el detrás e volveu facelo. Non lembra exactamente cantas veces lle cravou a navalla, pero si que "más de una, una en el coche y, al salir, me cegué". Detívose porque un veciño que residía xusto á beira saíu alertado polos berros dela e marchou no coche da súa ex noiva sen rumbo fixo, "a dónde me llevó la mente en ese momento". Acabou nunha pista forestal da que non logrou saír, deixou o coche e tirou a navalla pola contorna.
Desde alí puxo rumbo a Soutomaior inicialmente con intención de ir ao cuartel da Garda Civil, pero estaba pechado, de modo que volveu á súa casa e cambiouse de roupa porque tivera que cruzar o río a nado e estaba empapado. Cando chegou a patrulla que o detivo, inicialmente escapou, pero logo xa non se resistiu. En canto lle deron o alto e lle dixeron que ela estaba morta, "supe que iba a confesar". "Antes no podía confesar poque no sabía que estaba muerta", matiza.
A Fiscalía da Audiencia Provincial e a acusación popular, que exerce a Xunta, consideran que 'Coco' é culpable dun delito de asasinato con aleivosía coa circunstancia agravante de parentesco e que debe ser condenado a 20 anos de prisión. O seu avogado defensor mantén que é autor dun delito de homicido coas circunstancias atenuantes de confesión e graves problemas psiquiátricos e, alternativamente, a atenuante analóxica de confesión tardía e reduce á metade a petición de condena. Considera que no momento dos feitos foi vítima dun "arrebato, obcecación ou outro estado pasional semellante".
O escrito de defensa sostén que, tras o fin da relación entre Conchi e 'Coco' o verán anterior ao crime, el sufriu un "grave trastorno psiquiátrico" e unha "profunda depresión" que mesmo o levou á tentar acabar coa súa vida. Baseándose nesa estratexia, explicou que o día do crime acudiu ao domicilio dela porque sentiu "unha forte nostalxia polo seu ex parella". Nesa discusión, asegura que ela lle deu unha labazada e el, en reacción, ensinoulle a navalla e ameazouna con cravarlla se non deixaba de pegarlle.
Segundo a súa versión, ela deulle outra labazada e el, "deprimido e roto de dor, dálle unha navallada". A partir de aí, asegura que "non se acorda" dos detalles do ocorrido por "estar nun estado de absoluto trastorno mental". De feito, sostén que cando a Garda Civil o detivo, non lembraba matala.