O acusado do crime de Ponte Caldelas, de novo ante o xulgado

Ponte Caldelas
11 de xullo 2017

A petición propia. Así declarou nas últimas horas Marcos Vidal González, o único acusado do crime de Ponte Caldelas, no xulgado de instrución número 1 de Pontevedra. Os detalles da súa declaración non transcenderon pero diversas fontes aseguran que modificou lixeiramente a súa versión inicial sobre o sucedido

Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas
Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas / Cristina Saiz

A petición propia. Así declarou nas últimas horas Marcos Vidal González, o único acusado do crime de Ponte Caldelas, no xulgado de instrución número 1 de Pontevedra. Os detalles da súa declaración non transcenderon pero diversas fontes aseguran que modificou lixeiramente a súa versión inicial sobre o sucedido.

Marcos Vidal é o autor confeso do crime que, o 28 de novembro de 2015, acabou coa vida de Manuel Rivas Muíños, un home de 39 anos moi coñecido na localidade pontevedresa. Matouno a coiteladas no portal da súa vivenda.

A vítima retomara a relación matrimonial coa súa parella, coa que o homicida mantivera unha relación sentimental durante a súa separación. Tras manter unha forte discusión con el, apuñalouno en reiteradas ocasións ata matalo. 

Tras cometer o crime, o mozo fuxiu do lugar. Posteriormente, el mesmo chamou á Garda Civil para confesar o ocorrido e dicir onde se atopaba. Pouco despois, os axentes detíñano nas proximidades da praia fluvial da Calzada. 

Segundo informa Carlos García en Faro de Vigo, o acusado modificou esta versión e asegurou que a muller da vítima tiña coñecemento dos feitos. Ante a xuíza asegurou que lle manifestara a súa intención de divorciarse e que foi ela quen lle pediu que, o día do crime, acudise ao domicilio para falar co seu marido.

Ademais, tería declarado que foi ela quen avivou o enfrontamento entre ambos, provocando o fatal desenlace.

Por agora, a titular do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra rexeitou chamar a declarar á muller da vítima en calidade de investigada, o que antes se coñecía como imputada.