Luis Zahera, un dos actores galegos máis recoñecidos durante os últimos anos, visitaba este xoves aResidencia Ballesol en Poio para manter un encontro coas persoas que viven neste centro dentro da iniciativa 'Siente la familia'.
O gañador de dous Goya como intérprete de reparto amosouse divertido e narrou as súas fontes de inspiración a través das películas de vaqueiros para indicar que, de cativo, lle gustaba Gary Grant e tamén actrices como Lina Morgan ou Concha Velasco.
Asegurou que as mulleres son mellores intérpretes. "Habería que falar máis das mulleres actrices. Interpretan mellor as experiencias da vida que os homes", explicou referíndose a como lle impresionan actrices como Candela Peña ou Lola Dueñas.
Lembrou tamén, a preguntas dos residentes, a súa etapa na serie 'Mareas Vivas' da Televisión de Galicia co seu popular personaxe, "Petróleo".
"O que nos impresionou foi o éxito que tivo, foi un fenómeno social no ano 96. A min ségueme chamando Petróleo unha chea de xente. É un orgullo, eu tiña trinta anos e consegues ser popular, firmar autógrafos... era todo marabilloso. Todo isto chegou con Petróleo e con 'Mareas Vivas', en Laxe. Rodabamos na Costa da Morte e ese é o recordo que teño: o éxito", afirmou o actor compostelán.
Tamén lle manifestaron que era unha pena que non continuase no programa televisivo Luar e Zahera explicou que os tempos cambiaron e agora as producións e o traballo realízanse principalmente a través das plataformas de contido audiovisual.
"Ser actor é como ser un meniño", confesou admitindo que "traballas coa imaxinación, tes que enganar a xente para parecer outra persoa. O traballo é como un entroido. Unha marabilla".
En todo caso, tamén explicou que a profesión de actor é "moi cruel" e que o éxito depende do público. Sinalou durante a súa intervención que non ten tempo para ver a televisión e que dedica moitas horas a ler ou a estar coas súas irmás.
Durante estes días descansa na Illa de Arousa dando paseos e sinalou que lle gusta moito ir a tendas de segunda man e a mercadiños. "Non teño grandes afeccións", recoñeceu ante os usuarios da residencia.
Despois de lembrar vivencias de traballos cinematográficos como 'Celda 211' ou en series como 'Vivir sin permiso', Zahera indicou que traballa agora nun proxecto que produce Amazon Prime no que interpreta ao pai de Mario Casas.
"Ser galego é ter xa unha carreira", dixo o actor, ao que Paco, un residente, lle fixo un retrato durante o entretido acto.