O acordo alcanzado entre o goberno provincial e o Partido Popular para aprobar por unanimidade o Plan Concellos 2022 non evitou que, unha vez máis, ambas as partes exteriorizasen o seu enfrontamento político. Esta vez non polo fondo, senón polas formas.
Todo arrancou cando o PP convocou aos medios de maneira urxente para anunciar que apoiaría o principal plan de investimentos da Deputación nos concellos da provincia tras "conseguir que o goberno aceptase" as propostas dos populares.
O portavoz do PP, Jorge Cubela, defendía que se acordou o aumento dos recursos do Plan Concellos, flexibilizar a porcentaxe de gasto que hai entre as tres liñas do plan e plurianualizar a liña de investimento, de maneira que os concellos recibirán a maiores do plan de 2022 a parte correspondentes á liña 1 do plan de 2023, "unha medida fundamental neste momento de reactivación económica".
"Grazas ás negociacións iniciadas polo PP para tentar chegar a un consenso co Plan Concellos, conseguimos tres melloras moi importantes para os concellos pequenos e medianos desta provincia", explicou Cubela, que celebrou que estas achegas "van mellorar de xeito importante" o Plan Concellos 2021.
O dirixente popular engadiu que "levamos seis anos reclamando melloras, dicindo que este plan era insuficiente para os concellos, e agora se demostra que se era posible, que só fai falta vontade política", advertindo que este acordo "non é un cheque en branco" xa que están convencidos de que "aínda hai marxe de mellora nunha Deputación que conta cun orzamento de 164 millóns de euros".
Así, non renuncian a solicitar que en convocatorias próximas inclúanse no Plan Concellos "todos os cartos que se reparten en plans como o ReacPon, o Reequilibrio ou o Deporemse. Se o Plan Concellos é tan bo, porque estes plans non se reparten cos mesmos criterios?", concluíu Cubela.
Pero horas despois, o deputado socialista Carlos Font mostrou a súa "perplexidade" polo que definiu como "baixa catadura moral" do PP, ao que acusa de "mentir sen rubor" e de protagonizar unha "deslealdade inimaxinable e sen precedentes".
Font revelou que foi o goberno provincial o que a pasada semana, " entendendo que estamos nun momento de apoiar á xente e non de poñerse medallas", chamou ao PP para informarlle do proxecto no que estivo traballando o executivo.
A idea era sacar en 2022 un Plan Concellos bianual e con máis recursos, co que poder conseguir a unanimidade da corporación, "un traballo que se viña facendo desde hai tempo que queriamos concordar con eles como así ocorreu", segundo o deputado socialista.
"Ofrecímoslle a Cubela comparecer conxuntamente este mércores os tres voceiros para dar a coñecer os detalles deste plan que servirá para seguir a reactivar a provincia", engadiu
Esta conduta, sinalou Carlos Font, "polo menos nos serve para saber que non s pe pode actar nada con xente tan desleal, non se pode traballar con eles dada a catadura democrática que ostentan".