Un total de 416 farmacias da provincia, o 95% do total de establecementos, sumouse á campaña para distribuír test de antíxenos de saliva gratuítos para nenos e de 5 a 11 anos de idade.
Así o confirmou o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra tras o acordo asinado esta semana entre a Consellería de Sanidade e os Colexios de Farmacéuticos de Galicia.
Este programa busca a detección de casos positivos na poboación infantil que, en moitos casos ao infectarse de coronavirus é asintomática, o que dificulta a detección precoz e facilita a transmisión do virus ás persoas da súa contorna.
"A incidencia é alta nesas idades e, aínda que algúns nenos xa están a ser vacinados, non teñen a pauta completa de vacinación. O vindeiro martes finalizan as clases e o obxectivo deste programa é evitar que poidan contaxiar aos seus avós e familiares nas reunións e celebracións do Nadal", explica a presidenta do colexio pontevedrés, Alba Soutelo.
"A resposta dos farmacéuticos foi exemplar, máxime tendo en conta a carga de traballo que xa supoñen os outros tres programas que se seguen desenvolvendo nas farmacias: o cribado de PCR de saliva, a emisión de certificados de vacinación e a realización de autotest de antíxenos coa emisión do certificado co resultado da proba", defende a presidenta.
Para esta campaña adquiríronse 150.000 test para cubrir á poboación galega de 5 a 11 anos, recibíndose o venres 17 as primeiras 60.000 unidades que se distribuíron a razón de 20 test a cada farmacia adherida. Este luns esta previsto distribuír outros 20 e así ata finalizar as existencias desta primeira entrega, estando á espera de que se reciba a seguinte remesa coas 90.000 probas restantes.
Para poder participar e recibir un test gratuíto, os pais ou titores do menor ao que se lle quere realizar a proba deberán acudir a unha farmacia coa tarxeta sanitaria do neno ou nena.