Ata 124 quilómetros por hora. É a velocidade máxima detectada pola Policía Local de Pontevedra entre os vehículos que circulan pola Rolda Leste de Pontevedra. Supón 94 quilómetros por hora máis que o límite fixado para esta vía, 30, e é unha excepción, pero xera preocupación polo comportamento dos condutores, que, en xeral, non respectan os límites.
A Policía Local realizou unha serie de medicións en tres días diferentes para obter datos de intensidades medias diarias (IMD) e velocidade. Controlaron as velocidades un venres por ser o día que rexistra as máximas intensidades circulatorias, un sábado por ser un día de transición entre máximos e mínimos, e un domingo como referencia de intensidades mínimas, por ser o día habitual de lecer para a maioría da cidadanía.
A conclusión xerou preocupación, pois a velocidade media nas tres xornadas supera os 30 km/h, situándose en 50 km/h de media o venres e o sábado, e en 55 km/h o domingo. En total, o 90% dos vehículos circularon a maior velocidade da permitida, sendo especialmente rechamante a cifra do domingo, pois nesta xornada o 99,85% dos condutores incumpren os límites.
Como resultado destes controis e de constatar ese exceso de velocidade, o Concello decidiu instalar elementos de calmado de tráfico na Rolda Leste. En concreto, instalará catro novos elementos de redución de velocidade, 3 'lombos' e 1 paso de peóns sobreelevado.
A vindeira semana está previsto que comecen as obras para materializar esta decisión, que se adoptou como consecuencia directa das citadas medicións.
Segundo os controis realizados, o venres detectouse esa velocidade máxima, 124 km/h. Foi ás 18:47 horas da tarde. Nos venres a Policía Local confirmou que usan esta vía entre 2.200 e 2.900 vehículos ao día en cada sentido de circulación, unha media de 5.052 vehículos/día.
O 88,06% dos vehículos que se controlaron superaron os 30km/h (4.449 vehículos), dos cales o 48,63% superaron os 50 km/h (2.457 vehículos), e o 0,14% superaron os 100 km/h (7 vehículos)
O sábado, o 94,40% dos vehículos superaron os 30km/h (3.626 vehículos), dos cales o 73,11% superaron os 50 km/h (2.808 vehículos), e o 0,13% superaron os 100 km/h (5 vehículos). A velocidade máxima rexistrada nesta xornada foi de 103 km/h, un sábado ás 20:32 horas.
Neste día da semana circulan cada día entre 1.600 e 2.250 vehículos en cada sentido, unha intensidade media de 3.841 vehículos/día.
O domingo á velocidade media non baixa e sitúase en 55 km/h, chegando a detectarse un vehículo a 98 km/h ás 08:17 horas da mañá.
En total, circulan entre 1.000 e 1.600 vehículos ao día en cada sentido, unha media por xornada de 2.695. O 99,85% superaron os 30km/h (2.691 vehículos), dos cales o 69,80% superaron os 50 km/h (1.881 vehículos).