A Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou durante o pasado ano 2023 a doazón dun total de cinco órganos e dous tecidos rexistrados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Segundo indicou hoxe na presentación destes datos no hospital Montecelo o coordinador deste departamento, o doutor José Luís Martínez Melgar, nesta Área Sanitaria foron detectados durante o ano pasado tres doadores reais, dun total de sete potenciais, grazas aos cales se acadou a xestión da doazón destes órganos e tecidos.
É un dato inferior ao rexistrado no ano 2022 no que houbo oito doarores reais.
No que atinxe á recepción clínica destas doazóns multiorgánicas, o pasado ano 2023 a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria xestionou, en concreto, as doazóns de tres riles, dúas córneas e dous fígados.
O balance do pasado e 2023 revelou, así mesmo, que se deron dúas negativas familiares á doazón de órganos e outras dúas contraindicacións médicas por causas clínicas e metabólicas. Neste sentido, o doutor Martínez Melgar sinalou que arredor do 90% dos doantes da área sanitaria pontevedresa son maiores de 75 anos, e que, no caso concreto das cifras do ano pasado, ningún puido selo de órganos torácicos.
PROTOCOLO DE DOAZÓN EN ASISTOLIA CONTROLADA
A Oficina de Coordinación de Transplantes anunciou a vindeira activación nesta área sanitaria pontevedresa no mes de marzo dun protocolo de doazón tras a morte circulatoria, máis coñecida coma doazón en asistolia controlada.
Trátase da doazón de órganos e tecidos que proceden dun doante ao que se lle diagnostica a morte tras a confirmación do cesamento irreversible das funcións cardiorespiratorias (ausencia de latexado cardíaco e de respiración espontánea).
Dito protocolo xestionará as doazóns de órganos provenientes de pacientes con dano cerebral catastrófico, enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou respiratorias en fase terminal, e podería incrementar en tres ou catro a cifra de posibles doantes nesta área de saúde. A día de hoxe, xa se traballa na fase previa de formación do persoal implicado e soamente falta un trámite final do comité de ética.
EQUIPO DE MÁIS DE VINTE ESPECIALISTAS
O equipo multidisciplinar profesional da Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, formado por máis de vinte especialistas do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, participa na extracción dos órganos. Entre eles, tres facultativos e dous profesionais de Enfermaría, así como persoal auxiliar, celadores e efectivos das áreas de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxía, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía, así coma persoal facultativo e de enfermaría da Unidade de Coidados Intensivos, coma unidade xeradora dos potenciais doadores.
Esta Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés é tamén o departamento encargado de detectar aqueles posibles casos de pacientes cuxa evolución clínica é susceptible de derivar nunha morte cerebral, circunstancia que os postularía como candidatos a efectuar unha doazón.
Tras a realización dun estudo axeitado, caso por caso, a Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria actúa coma enlace coa Organización Nacional de Transplantes e inicia os procedementos necesarios para coordinar a todos e cada un dos servizos do hospital que interveñen no proceso de extracción.