O 8M, na Deputación: "Aquí estamos alzando a nosa voz!"

Pontevedra
08 de marzo 2019

A presidenta provincial Carmela Silva apelou á "sororidade", é dicir, á solidariedade entre mulleres nun contexto de discriminación sexual

Manifesto da Deputación de Pontevedra ao abeiro do 8-M / PontevedraViva
Manifesto da Deputación de Pontevedra ao abeiro do 8-M /

As dependencias e as axendas do goberno da Deputación de Pontevedra están baleiras de mulleres este venres 8 de marzo, xa que tanto a presidenta Carmela Silva, como as deputadas e as mulleres dos gabinetes secundan a folga feminista de 24 horas, á que animan a participar a todas as traballadoras da institución.

O único acto convocado foi unha concentración no vestíbulo do Pazo Provincial no que tivo lugar a lectura do manifesto.

A presidenta provincial Carmela Silva apelou á "sororidade", é dicir, á solidariedade entre mulleres nun contexto de discriminación sexual. "Aquí estamos alzando a nosa voz, sorrindo e felices de que a Igualdade ocupe o espazo que lle corresponde", dixo.

Este venres 8 de marzo o Pazo tínguese de cor violeta. Así estará ata o próximo domingo.

A presidenta da Deputación insistiu en que "agora mesmo temos máis razóns que nunca para volver a berrar que esta sociedade non será decente nin xusta se o 52% da poboación segue a estar infrarepresentada".

No manifesto lembrouse que somos unha sociedade onde as mulleres viven rodeadas de discriminacións, violencias e desigualdades. "Por elas, por nós, por tadas. Viva o 8M1", rematou.