O 8M de Vilaboa fai seu o lema da ONU: "Investir nas mulleres: acelerar o progreso"

Vilaboa
05 de marzo 2024

O Concello aprobou un manifesto institucional que distribuirá por todas as parroquias e difundirá a través da web municipal e das redes sociais buscando converter as reivindicacións deste 8M en realidades a través da acción política.

Pancarta do 25N na casa consistorial de Vilaboa
Pancarta do 25N na casa consistorial de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa súmase á conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, asumindo como seu o lema escollido este ano polas Nacións Unidas: "Investir nas mulleres: acelerar o progreso". 

Neste 8M o Concello de Vilaboa insiste en que o reto máis importante do século XXI é acabar coa desigualdade entre mulleres e homes e o seu máis salvaxe expoñente, a violencia machista.  "É imprescindible renovar o gran logro social e político que supuxo o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e xuntar esforzos e recursos para previr esta violencia e atender as sobreviventes", sinalan

Así o deu a coñecer este martes o goberno local a través dun comunicado no que insiste en que "a igualdade de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos".

O Concello aprobou un manifesto institucional que distribuirá por todas as parroquias e difundirá a través da web municipal e das redes sociais buscando converter as reivindicacións deste 8M en realidades a través da acción política.

A programación incluirá a colocación dunha pancarta no balcón do Concello e a iluminación da casa consistorial coa cor violeta feminista.

Ademais, o goberno municipal organiza este ano a segunda edición do premio 8M, que recoñece cada ano unha muller vilaboense. O acto de entrega deste galardón terá lugar o vindeiro 15 de marzo na Casa de Cultura.  

O goberno local tamén anima á veciñanza a participar activamente nas manifestacións que se convocarán con motivo do 8M. 

Arquivado en